O pasado mes de xuño instalouse un dispositivo de localización en dous exemplares pertencentes ás colonias das illas de Sálvora e Ons
Os primeiros datos recompilados suxiren que unha parte importante das aves pertencentes ao arquipélago poderían estar alimentándose fóra do espazo protexido e incluso pasarían largas tempadas noutras zonas
O obxectivo dos responsables do estudo é estender o seu alcance para obter máis información sobre o comportamento da especie e deseñar estratexias de conservación máis efectivas para garantir a súa supervivencia
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2019
O Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia acaba de obter os primeiros resultados dun proxecto piloto para o seguimento a distancia das poboacións de corvos mariño cristados. A iniciativa arrincou no mes de xuño, cando se procedeu a equipar con dispositivos de localización remota a dous exemplares pertencentes á poboación do propio Parque co obxectivo de poñer a punto a metodoloxía con vistas a realizar un proxecto de seguimento de maior alcance, xa que apenas existen antecedentes do seu uso con esta especie.
Trátase concretamente de dúas femias, unha pertencente á colonia de Sagres, ao norte de Sálvora, e a outra da illa de Ons. Os dispositivos que se empregaron para marcalas caracterízanse por ser ultralixeiros, con apenas 17 gramos de peso, e transmitir posicións GPS pola rede GSM, a mesma que ata hai pouco utilizaban os teléfonos móbiles.
Un exemplar de corvo mariño cristado.
Ao tratarse dunha ave mariña mergulladora, os aparellos son hidrodinámicos e totalmente impermeables ademais de resistir grandes variacións de presión, xa que os corvos mariños adoitan mergullarse con frecuencia ata os 30 metros de profundidade. Os dispositivos funcionan cun diminuto panel solar e monitorízanse directamente vía internet.
O emprego destas tecnoloxías está sendo unha das últimas revolucións no campo do estudo e seguimento da fauna xa que permiten coñecer, practicamente en tempo real, a localización exacta dos animais. En vista dos bos resultados da experiencia piloto desenvolvida coas poboacións de corvo mariño das Illas Atlánticas, a intención do parque é darlle continuidade en 2019 e estender o seguimento remoto a máis exemplares.
Os datos recollidos nestes seis meses suxiren que unha parte importante da poboación de corvo mariño cristado do Parque Nacional das Illas Atlánticas podería estar alimentándose de xeito rutineiro fóra do espazo protexido, e que mesmo pasarían longas tempadas fóra del. De confirmarse estes datos, terían importantes implicacións á hora de deseñar e impulsar estratexias de conservación efectivas para estas poboacións ameazadas que contan no arquipélago das Cíes cun dos núcleos reprodutivos máis importantes da especie.
Así, no marco desta investigación recolléronse máis de 4.000 posicións coas que foi posible coñecer moi polo miúdo os movementos dos dous exemplares. O seguimento, a pesar de tratarse dunha mostra pequena, revelou a existencia de grandes diferencias no patrón de uso do espazo entre os dous individuos monitorizados. Así, a femia de Ons ten chegado a desprazarse ata a illa de Arousa e adoita pasar longas tempadas fóra dos dominios do parque nacional. Polo contrario, o exemplar de Sagres desprázase pouco, sendo raro que abandone as augas diante de Aguiño, no concello de Ribeira.
Localizacións exemplares de corvo mariño cristado de Sagres en Sálvora (1) e Ons (2)
Fonte: Consellería Medio Ambiente Xunta de Galicia
Imaxe destacada: grupo de corvos mariños cristados en Ons © Suso Framil