Constitúese en Vigo a “Asociación de guías acreditados das Illas Atlánticas” (AGAIA)

Portada » O Parque Nacional » Constitúese en Vigo a “Asociación de guías acreditados das Illas Atlánticas” (AGAIA)

Xan 22, 2016 | ACTUALIDADE

Estes días acaba de constituirse oficialmente a “Asociación de Guías acreditados das illas Atlánticas” (AGAIA).

Unha asociación sen ánimo de lucro de carácter asembleario, nacida e domiciliada en Vigo, aínda que con persoas asociadas en toda Galicia.

AGAIA xurde como elemento de unión dos profesionais das visitas guiadas que traballan no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG), e créase cos seguintes obxectivos:

– Traballar para promover a conservación deste espazo natural protexido, fomentando a divulgación dos valores dos diferentes recursos patrimoniais do “Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia” (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), e da súa área de influencia socioeconómica (Vigo, Bueu, Vilagarcía e Ribeira) e contorna.

Deste xeito, esta Asociación quere fomentar un uso público de calidade, que contribúa á consecución dos obxectivos divulgativos e de conservación establecidos no ano 2002 na Lei de declaración do Parque Nacional.

Defender os intereses legais e laborais das persoas asociadas, promovendo a profesionalización e a divulgación do traballo dos/das guías acreditados/as mediante todos os medios ao seu alcance.

AGAIA busca a máxima normalidade e regularidade no traballo das persoas guías, traballo tan necesario como temporal e irregular. Promoverá o recoñecemento, a profesionalización e a defensa dos intereses laborais das guías acreditadas do Parque Nacional.

Fomentar a formación continua das persoas asociadas, para mellorar as prestacións do seu traballo, e xa que logo, redundando na calidade da visita dos usuarios do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

AGAIA en colaboración coas entidades vinculadas ao Parque Nacional, quixera contribuír a desestacionalización e descentralización das visitas guiadas no PNMTIAG, co fin de lograr o uso e desfrute, ao longo de todo o ano, dos catro arquipélagos que compoñen o Parque Nacional.

Dende a súa creación, AGAIA ven traballando no establecemento de contactos coas empresas e entidades vinculadas ao PNMTIAG co fin de mellorar as problemáticas do sector, e impulsando actividades e proxectos que contribúan ao cumprimento dos seus obxectivos asociativos.

Vigo, 15 de decembro do 2015

Asociación de Guías Acreditados do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (AGAIA).

Contacto:  Correo electrónico   | Facebook

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos