O pasado sábado 16 de marzo, a Asociación de Guías Acreditados do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (AGAIA) organizou unha Xornada de Formación de Arqueoloxía no arquipélago de Cies coa colaboración dos arqueólogos: Manuel García Valdeiras e Jorge Lamas Bértolore, membros do Grupo Ecoloxista Outeiro e o Centro de Estudios Chamoso Lamas. A xornada levouse a cabo co apoio da dirección do Parque Nacional Marítimo -Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e a Naviera Mar de Ons.
Foi unha xornada interactiva e dinámica, acerca da reutilización dos múltiples recursos das illas por parte das numerosas culturas e civilizacións que pasaron polo arquipélago. Os asistentes, baixo a choiva, descubriron os diversos asentamentos que houbo dende a Idade de Ferro ata os nosos días. Mergulláronse na civilización castrexa, camiñaron por riba das pisadas dos fenicios, sentáronse na taberna do Coxo, descubriron os abrigos antropizados dos labregos e a razón polo cal as illas foron tan desexadas polos piratas.
Esta colaboración entre entidades e asociacións proporciona novas ferramentas para a interpretación do patrimonio cultural e ambiental das Illas atlánticas, para ver máis alá da area e das pedras, e ofrecer aos futuros visitantes unha visión máis completa do único Parque Nacional galego.
Email: agaias.info@gmail.com
Imaxes:
Andrea López Doriga Sandoval
Juanjo Álvarez
Manuel Rey