A colaboración como instrumento para crear microrreservas litorais de flora
Investigadores de Bioloxía colaboran co concello de Ferrol e ADEGA na creación dunha rede de Microrreservas de Flora
Este domingo está prevista a actividade guiada ‘Descuberta de Biodiversidade’, encamiñada a mellorar o coñecemento dos tipos de hábitats e especies presentes nas zonas de especial conservación do litoral de Fisterra
O grupo de investigación Biodiversidade e Conservación de Plantas Vasculares da USC colabora co concello de Fisterra e a Asociación Ecoloxista ADEGA na creación dunha rede de Microrreservas de Flora, como mecanismo para a conservación de especies ameazadas e de hábitats prioritarios ou e interese comunitario, fomentando a participación da poboación local. Esta colaboración enmárcase na axuda recibida polo concello de Fisterra da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, cofinanciada co FEADER, no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020, para actividades de conservación nos espazos protexidos pola Rede Natura en Galicia.
As Microreservas de Flora pretenden ser un modelo pioneiro de actuacións que sirva de referencia para futuros proxectos no ámbito litoral da Rede Natura 2000 na Galicia costeira. Inclúense varias liñas de actuacións dirixidas á protección física de espazos con balizado e delimitación (sempre permeable e estético) das microrreservas e o plantado de sebes vivas, a instalación de sinaléctica informativa para a divulgación, a mellora do medio abiótico sobre o que se sitúan os hábitats (por xemplo, a corrección de perfís dunares con Ammophila arenaria de procedencia local), a mellora das condicións bióticas mediante eliminación de especies alóctonas invasoras e con actividades de restauración da comunidade vexetal con recollida de semente e replantado, favorecendo o incremento de biodiversidade. Nun caso particular (Mar de Fora), ensáiase a reintrodución a partir de material de núcleos próximos de plántulas da especie ameazada Alyssum gallaecicum, para recuperar a poboación que ten desaparecido nas últimas décadas.
Próxima actividade
A iniciativa desenvólvese entre decembro de 2016 e xuño de 2017. Para este domingo 7 de maio está programada unha nova actividade ‘Descuberta de Biodiversidade’ (Bioblitz), encamiñada a mellorar o coñecemento dos tipos de hábitats e especies presentes nas zonas de especial conservación do litoral de Fisterra. Esta actividade estará guiada por botánicos especialistas en especies ameazadas e naturalistas expertos en aves e libeliñas. Ten como obxectivo fundamental divulgar os valores naturais deste espazo entre a cidadanía. A actividade é gratuíta. As persoas interesadas en participar, terán que anotarse contactando no teléfono 650 261 283 ou por correo electrónico viqui@adega.gal.
Como explican dende o equipo de investigación que lidera o profesor Santiago Ortiz, en todas estas actuacións o papel da poboación local será fundamental, implicándoos na preservación e coñecemento dos valores da rede natura 2000 das súas parroquias. Así, terán a posibilidade de participar na mellora do hábitats, na eliminación de invasoras, nas experiencias de identificación e catalogación de especies e hábitats e nas valoracións e adecuacións dos roteiros ambientais que se proporán para ligar entre si as diversas microrreservas. Ao involucrar á poboación local nas actividades de voluntariado ambiental a desenvolver foméntase a conservación do lugar facendo partícipes do mesmo aos usuarios máis vinculados ao territorio.
Fonte:
Imaxe destacada:
Basilio Cegarra