A plataforma Galicia Birding amósase ao mundo no maior certame ornitolóxico de Europa

Portada » O Parque Nacional » A plataforma Galicia Birding amósase ao mundo no maior certame ornitolóxico de Europa

Ago 30, 2016 | ACTUALIDADE, TURISMO

A plataforma Galicia Birding amósase ao mundo no maior certame ornitolóxico de Europa

O certame Birdfair de Londres acolle a oferta de turismo ornitolóxico da comunidade galega ‘Galicia Birding’

Trátase dunha feira líder no sector, organizada pola Leicestershire & Rutland Wildlife Trust en colaboración coa Royal Society for the Protection of Birds de Gran Bretaña

‘Galicia Birding’ é un completo programa de avistamento de aves que contempla 148 roteiros no territorio galego

Santiago, 21 de agosto de 2016

 

Turismo de Galicia participará por primeira vez no certame especializado Birdfair de Londres para dar a coñecer as rutas ornitolóxicas do programa ‘Galicia Birding’, así como os produtos relacionados con esta modalidade de turismo.

Trátase dunha feira líder en Europa no relativo a turismo ornitolóxico, organizada pola Leicestershire & Rutland Wildlife Trust en colaboración coa Royal Society for the Protection of Birds de Gran Bretaña.

Este certame, que se celebra entre os días 26 e 28 de agosto, está aberta a profesionais e público durante os tres días da súa celebración e terá lugar no recinto feiral de Rutland Water Nature Reserve.

‘Birding Galicia’

‘Galicia Birding’, presentado o pasado mes de xullo pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, é o programa de turismo ornitolóxico da Comunidade galega que comprende un total de 148 roteiros e 600 puntos destacados para achegar esta modalidade ruística ao conxunto de todos os turistas e tamén á poboación local.

Toda a información destas rutas pódese consultar nunha páxina web específica, dispoñible en galego, castelán e inglés, onde se atopan agrupados todos estes espazos de especial interese e os seus itinerarios correspondentes.

A web conta con información detallada de cada un dos roteiros e as aves máis características, un importante banco documental de fotografías cunhas 1.000 imaxes así como unha sección dedicada aos fenómenos e espazos de interese ornitolóxico máis destacados mes a mes co fin de orientar aos observadores ao longo do ano. Así mesmo, outras seccións como consellos sobre como iniciarnos na observación de aves, un código ético para asegurar un comportamento respectuoso e sostible, ou información sobre os recursos naturais de interese a páxina.

Esta plataforma dixital compleméntase cunha app para dispositivos móbiles con toda a información dispoñible na web e con numerosas utilidades para acceder aos lugares e roteiros de máis interese ou para tomar notas das observacións realizadas, gardalas e compartilas.

Por outra parte, no marco deste proxecto Turismo de Galicia pon a disposición dos usuarios, así mesmo, un blog, un perfil de Facebook e Twitter, un servizo de alerta de observacións así como unha publicación promocional en formato mini libro dispoñible tamén en tres idiomas.

Demanda turística de Gran Bretaña

Polo que respecta á demanda turística procedente de Gran Bretaña, a cifra de viaxeiros aloxados no mes de xuño incrementouse un 8,8% e un 7,5% o nivel de pernoitas en relación ao mesmo período do pasado ano.

No primeiro semestre do ano o mercado británico superou nun 11,1% o nivel de demanda do mesmo período do pasado ano e xa representa o 6,8% do total do turismo internacional da Comunidade galega, con 27.108 viaxeiros aloxados e 52.241 pernoitas no primeiro semestre de 2016.

Fonte: Axencia de Turismo de Galicia

 

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos