Percebes explorará novas ferramentas de xestión e a interacción da especie coa biodiversidade
A Universidade participa no primeiro proxecto europeo que estuda o percebe
30 investigadores de España, Francia e Portugal traballan na iniciativa, que rematará no ano 2020
Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Coa excepción de varios estudos realizados en Portugal e algunhas teses e traballos soltos, publicados en Galicia e Asturias, o percebe nunca foi obxecto dun estudo amplo… ata agora. Investigadoras e investigadores de España, Francia e Portugal traballarán ata o ano 2020 no proxecto europeo Percebes, Tools for the transition to spatial management of coastal: the stalked barnacle fishery in SW Europe, co obxectivo de desenvolver ferramentas para predicir as implicacións das diferentes opcións de xestión espacial sobre a produtividade local dos bancos deste crustáceo, así como a biodiversidade asociada e a conectividade entre subpoboacións en Europa, concretamente na Bretaña francesa. Asturias, Galicia e o Algarve. “A pesqueira do percebe é un caso de estudo perfecto para a exploración de novas ferramentas de xestión e a súa interacción coa biodiversidade, xa que a súa extracción, mediante raspado da rocha, afecta á estrutura da comunidade intermareal”, explica Gonzalo Macho, coordinador do equipo da Universidade de Vigo que participa no proxecto, liderado pola Universidad de Oviedo, e que completan as catedráticas Elsa Vázquez e Paloma Morán, os investigadores Esther Pérez e Jorge Pascual, todos do grupo Ecocost; así como as investigadoras Elena Ojea e Alba Aguión (bolseira FPU) de Future Oceans Lab.
Colocación das gaiolas en A Coruña-Torre de Hércules
Biólogas e biólogos das confrarías de pescadores e da Consellería do Mar, que se asegurarán de que a investigación cubre as necesidades que existen para a xestión da pesqueira, e ONGs como WWF-España, que traballará para difundir e dinamizar a participación do sector, súmanse ao equipo de case 30 investigadoras e investigadores de seis institucións, encabezadas pola Universidad de Oviedo (IP do proxecto) e ás que se suman, ademais da Universidade de Vigo, o Graduate and Posgraduate Engineering School and Research Institute e o Pierre and Marie Curie University de Francia e as universidades de Aveiro e Évora de Portugal.
Un recurso económico descoñecido
O proxecto de investigación, que se desenvolve nun contexto de cambio climático no que se estudará como impactarán as variables físicas, en especial a temperatura e os afloramentos, na bioloxía e ecoloxía dos percebes, permitirá afondar “nun recurso económico moi importante do que se descoñecen moitas cousas, por exemplo como lle afectará a temperatura, ou como medra”, sinala Gonzalo Macho, que incide ademais en que a explotación en toda Europa faise con modelos de xestión moi diferentes, o que permite comparar e buscar os sistemas ou medidas que teñen máis éxito.
Alba Aguión, Gonzalo Macho, Elena Ojea, Elsa Vázquez, Jorge Pascual e Esther Pérez
En canto á situación do recurso en Galicia, Macho explica “que ten os seus problemas, pero en xeral si que está ben, polo menos as descargas nos últimos anos son máis ou menos estables. Pero non hai unha análise en detalle do estado do recurso, o que os investigadores chamamos stock assessment, avaliación de stock”. A localización dos percebes en zonas moi expostas e metidas en fendas, dificulta o estudo deste organismo e obriga a empregar ferramentas baseadas en parámetros do ciclo de vida e datos que veñan da propia pesqueira. “Os percebeiros sempre din que os biólogos estudamos o percebe ‘detrás da barreira’, coma os touros, e teñen gran parte de razón, non podemos aplicar as nosas metodoloxías en moitas das zonas onde traballan eles e esas zonas son realmente as que dan o mellor percebe”, explica o coordinador do proxecto na Universidade de Vigo, que destaca, que o problema, polo de agora para aplicar este métodos é que se descoñece a idade do percebe e saber a relación talla-idade é fundamental, aínda que este aspecto non se vai abordar neste proxecto.
Instalación de gaiolas en varios puntos da costa galega
Ao igual que xa sucedeu en varios puntos da costa dos países que participan no proxecto europeo, en Galicia tamén se procedeu á instalación de gaiolas para a realización do estudo, concretamente en Baiona, Cabo Home-Cangas e A Coruña-Torre de Hércules. “A instalación das gaiolas foi posible grazas á colaboración das asistencias técnicas das confrarías (ATs), percebeiros locais e biólogos da Consellería do Mar, que non só axudaron na selección de zonas, senón tamén na colocación das mesmas”, detalla Gonzalo Macho, para quen a investigación feita de forma participativa co sector e administración pesqueira o organizacións civís é o xeito de facer este tipo de traballos, para que a investigación resolva necesidades reais do sector e que os resultados se apliquen na xestión. Ademais do estudo do ciclo reprodutivo e de recrutamento, o persoal investigador da Universidade de Vigo tomará parte nas restantes actividades do proxecto como son o experimento para medir a capacidade do ecosistema para volver ao estado inicial trala extracción do percebe; os estudos xenético e epixenético e o modelo bioeconómico.