Activado o sistema para obter a nova autorización para acceso ás Illas Cíes

Portada » O Parque Nacional » Activado o sistema para obter a nova autorización para acceso ás Illas Cíes

Mar 14, 2018 | ACTUALIDADE

Activado o sistema para obter a nova autorización de acceso ás Illas Cíes esta Semana Santa

Para poder visitar o arquipélago, os viaxeiros deberán solicitar previamente un permiso administrativo a través da páxina web habilitada a tal fin

As navieiras autorizadas a cubrir esta travesía terán que verificar antes de emitir o billete que o pasaxeiro conta coa preceptiva autorización administrativa

No momento de desembarcar no porto de Rodas, os visitantes terán que presentar o seu permiso ante persoal do Parque Nacional, que comprobará que todo estea correcto a través da lectura do código QR de identificación

Tamén haberá efectivos de Patrimonio Natural nos portos de saída de Vigo, Baiona e Cangas exercendo a función de controladores das autorizacións e facilitando aos cidadáns folletos e información sobre as novidades no sistema de acceso

A plataforma dixital para poder obter a nova autorización de acceso ás Illas Cíes está operativa desde hoxe. Todas as persoas interesadas en visitar esta Semana Santa o Parque Nacional poden solicitar a emisión desta autorización, de carácter persoal e intransferible, a través da web autorizacionillasatlanticas.xunta.gal habilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), seguindo o modelo instaurado xa na Praia das Catedrais desde o ano 2015.

Para acceder ás illas será obrigatoria a obtención do documento a través desta páxina web, accesible tamén desde dispositivos móbiles, polo que as empresas que se encargan do transporte marítimo ás illas só poderán emitir billetes a aqueles pasaxeiros que dispoñan da preceptiva autorización de acceso para ese día concreto.

Persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Natural exercerá a función de controladores-informadores nos portos de saída cara a Cíes: Vigo, Baiona e Cangas. Haberá un en cada porto e estarán identificados con chalecos de cor laranxa. Estes efectivos contarán con dispositivos de lectura dos códigos QR para comprobar a validez das autorizacións e disporán dun expositor próximo aos despachos de billetes no que haberá folletos informativos a disposición dos viaxeiros, explicando as novidades introducidas para poder acceder ás illas.

A finalidade desta nova figura de controlador, que se manterá de forma continuada entre o 19 de marzo e o 2 de abril, será evitar que embarquen cara á illa visitantes sen a correspondente autorización administrativa e no caso de que detecten algunha persoa que queira viaxar ás Cíes e non dispoña da mesma, informaralles da súa obrigatoriedade e asesoraralles para que podan obtela a través da web de reservas da Xunta.

Este novo sistema de verificación reforzarase no propio porto de Rodas, onde estará despregado persoal do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas para facer as correspondentes verificacións das autorizacións de todos os viaxeiros no momento do seu desembarco e incluso, de ser necesario, requirirlles o seu documento de identificación.

Durante a solicitude do permiso, será necesario rexistrar nome, apelidos, documento de identificación, sexo e ano de nacemento. As autorizacións enviaranse por correo electrónico ao solicitante ou poderán descargarse desde a propia páxina web.

Unha vez que o visitante dispoña xa da súa autorización, de carácter persoal e intransferible e dotada de códigos de control QR, número de autorización e nome e apelidos, poderá elixir a navieira coa que quere desprazarse ata as Cíes. Concretamente, esta Semana Santa as empresas Mar de Ons, Nabia e Rías Gallegas levarán a cabo estas travesías, xa que son as tres autorizadas pola Dirección Xeral de Mobilidade e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, responsable do control dos accesos ao espazo natural.

As novidades e melloras introducidas pola Consellería de Medio Ambiente no sistema de acceso ao Parque Nacional das Illas Atlánticas pretenden evitar a posible sobre venda de billetes por parte das empresas de transporte que viaxan ao arquipélago. Con este obxectivo, durante esta Semana Santa porase en marcha a primeira fase de implantación do novo modelo de autorizacións para acceder ás Cíes, moi similar ao que opera con éxito na Praia das Catedrais desde o ano 2015.

Autorizacións: autorizacionillasatlanticas.xunta.gal

Imaxe destacada: © Pedro Figueras

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos