Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
CAPÍTULO 4 (XV)
Os seus lugares
Antiga escola
A antiga escola de Ons estaba situada entre un conxunto de vivendas e construcións domésticas situadas no barrio de Canexol. A construción principal correspóndese con dúas vivendas medianeiras pero que na súa orixe foi casa de labranza e despois a escola da illa, onde tamén vivía a mestra. Segundo A. das Casas esta escola foi creada en 1923 e abriuse en 1925 (das Casas 1934, 168), utilizándose como escola ata 1967 cando empezou a funcionar a nova escola de Curro.
A casa é de planta rectangular, de dúas alturas, feita en cantería de granito cos esquinais e os vans reforzados e posteriormente rehabilitada. A cuberta de tella a dúas augas restaurada con cheminea na vertente orientada ao oeste.
Detrás da vivenda atópanse os hórreos máis monumentais da illa. Os dous son de idénticas características construtivas parecendo un o espello do outro, tendo ambos orientación leste -oeste. Están sobre celeiro feito con pedras no que se mesturan o cachote, cantería e, sobre todo no hórreo sur, varias pezas reaproveitadas doutras antigas construcións. Ambos teñen dúas portas. Teñen tornarratos corrido sobre o que se asenta a cámara. Está feita de cantería con fendas horizontais. Teñen unha porta cada un, na parede costal, orientadas ao interior do patio. O teito é de laxes de pedra ben traballadas con cemento nas xuntas e tella curva ao longo do pinchón. Como motivos decorativos, nos pinches orientados ao leste teñen sendas cruces de granito. Neles se almacenaba o millo recollido, un era para o dono da illa, Sr. Riobó, e o outro para a persoa que lle administraba as rendas e que residía nese conxunto de vivendas.
Entre os hórreos hai un eirado no que antigamente se celebraba a festa en honor a San Xaquín. Chamábanlle o campo da festa. Celebrábase a finais de agosto, e os domingos despois da Asunción da Santísima Virxe, patroa de Beluso á que acudía un numero importante de veciños de Noalla, Bueu, Ribeira, Portonovo, etc., continuando a festa nos días seguintes xa que tamén se lle rendía culto á Virxe dos Remedios e a San Ramón (Portela Pazos 1954, 68-69).
Premer sobre a imaxe para a poder ampliar:
Imaxe destacada: parte traseira das vivendas onde se pode ver a distribución dos hórreos pechando a eira © CSIC
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada