Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
CAPÍTULO 4 (XXIX)
Os seus lugares
Barrio de Curro
No barrio de Curro sitúase o centro social da illa. Antigamente era onde se atopaba, ademais do embarcadoiro, a antiga fábrica de salgadura dos Riobó, un secadoiro de polbo e as tabernas.
En 1954, esta fábrica xa estaba desmantelada (Portela Pazos 1954, 68) pero no seu momento serviu de aloxamento aos administradores e ao último propietario D. Didio Riobó e tamén ao párroco de Beluso nos días que permanecía na illa. Era un edificio de planta baixa, cunha extensa galería con vistas ao mar. E no curral parece que había un muíño e un forno para o servizo da xente da illa.
En 1965, tras a expropiación da illa xa en mans do Estado e dependendo agora do Instituto Nacional de Colonización, foi cando se construíu o novo centro cívico. O Instituto Nacional de Colonización inicia as súas actividades, como organismo dependente do Ministerio de Agricultura, en outubro de 1939 e a súa creación estivo motivada pola necesidade de efectuar unha reforma social e económica da terra despois da Guerra Civil.
Baixo estes parámetros decídese construír unha nova aldea, ocupando os terreos da fábrica de salgadura, co fin de centralizar os usos públicos e comerciais para un control máis efectivo tanto destas actividades como da súa xente. Así se fai unha nova igrexa, unha nova escola substituíndo a que xa había en Canexol separando agora aos nenos e as nenas, a casa para o mestre, para o cura, para o médico (estas dúas ultimas nunca chegaron a habitarse), reparación dos lavadoiros, construción dun novo lavadoiro comunitario de maior tamaño, e incluso un graneiro que nunca foi utilizado como tal. Esta construción dun novo pobo supuxo unha transformación do espazo e das construcións mesmas e dos hábitos das xentes.
Dende o punto de vista arquitectónico, o deseño das novas construcións son similares ás do resto dos novos pobos feitos nesa época no estado español, é máis, o seu deseño ten que ver máis con pobos do sur da península (paredes brancas, porches, voadizos, patios interiores, dependencias agrícolas como almacéns, graneiros, etc.,) que coa arquitectura galaica.
Hoxe segue a ser o centro social da illa pois parte destas construcións foron adaptadas para as vivendas e dependencias de administración do Parque. Mesmo o Centro de Visitantes da Illa foi feito onde fora a escola.
A igrexa nova preside o barrio de Curro © Santiago Boado Aguinaga
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada