Biodiversidade en estado puro, luras nos fondos mariños das illas Cíes

Portada » O Parque Nacional » Biodiversidade en estado puro, luras nos fondos mariños das illas Cíes

Mai 18, 2019 | Destacados, VIDEOBLOG

Biodiversidade en estado puro, luras nos fondos mariños das illas Cíes

Inauguramos a case que infinita serie de vídeos submarinos do mergullador Pedro Alonso con este magnífico audiovisual de luras nos fondos mariños do arquipélago das illas Cíes, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Xunto ás luras, que semellan estar buscando un lugar axeitado para as súas postas, observamos unha grande cantidade de especies de animais mariños, xa ben chaparelas, sargos, tapaconas, maragotas, polbos, bogavantes, nudibranquios ou espirógrafos entre unha boa representación de algas pardas, verdes e vermellas, dando conta así da riqueza de vida que albergan os fondos submarinos do Parque Nacional.

As luras (Loligo vulgaris) son moluscos de corpo alongado, ovado e groso, da clase dos cefalópodosA boca  é coma un peteiro. Poden alcanzar os 30-40 cm de tamaño aínda que polo xeral non superan os 15-25 cm.

Contan as luras con oito brazos con función prénsil e dous tentáculos con función táctil e copuladora moito máis longos ca os brazos, dúas aletas triangulares na parte posterior e unha cuncha interior delgada e transparente en forma de pluma. As luras expulsan borra ou tinta para escurecer a auga cando consideran que se atopan en perigo. 

Habita entre o nivel do mar e os 500 metros de profundidade.

Podes desfrutar de máis vídeos na canle de Pedro Alonso en Youtube

Imaxes:

© Pedro Alonso

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos