Confirmada a presenza estable da londra no campus vigués

Portada » O Parque Nacional » Confirmada a presenza estable da londra no campus vigués

Xan 25, 2018 | ACTUALIDADE

Este feito é un indicativo da boa saúde do ecosistema da Universidade

A OMA confirma a presencia estable dunha londra no campus

Avistouse por primeira vez o pasado mércores na lagoa da Facultade de Filoloxía e Tradución

Duvi | Vigo

Entre o cheiro a terra mollada e o rumor das árbores, a londra emerxe na lagoa da Facultade de Filoloxía e Tradución, un ecosistema especialmente favorecido polas últimas choivas. A presenza deste mustélido do campus vén de confirmarse nos últimos días, aínda que non é unha sorpresa para os técnicos de medio ambiente da Universidade. “O ano pasado pensábamos que podería haber londras porque observamos algunhas pegadas, pero agora xa o confirmamos ao ver o animal”, indica Sergio Ramos, técnico superior da Oficina de Medio Ambiente, que explica que posiblemente este exemplar marchase do campus pola seca e que agora regresa a estas augas polas intensas precipitacións das últimas semanas. O feito de que a londra se traslade ata a contorna da Universidade é, segundo o persoal técnico, un indicativo da boa saúde que ten o ecosistema do campus, despois de que non se avisaran aquí este tipo de animais en moito tempo.

londra3

Excrementos da londra

Foi o mércores da semana pasada cando o persoal da Oficina de Medio Ambiente confirmou o que levaban tempo sospeitando, a existencia dun novo habitante na Universidade. A londra é un mamífero da familia dos mustélidos, especie carnívora de costumes esencialmente acuáticas. Segundo se puido constatar a través dos restos de excrementos, a alimentación da londra viguesa inclúe cangrexos vermellos, unha especie invasora presente no campus, polo que “tamén nos presta axuda nese sentido”, apunta Ramos. No mesmo plano, considera que “é probable que fora a propia londra a que acabase coas carpas da lagoa da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais”.

londra2

A londra na lagoa da Facultade de Filoloxía e Tradución

Tendo en conta que, seguramente, este exemplar proveña dunha zona próxima e, de forma máis concreta, dos arredores do río Zamáns, o técnico da OMA agarda que “oxalá veñan máis londras e non nos quedemos so nunha mostra deste carnívoro”.

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos