Conservar a biodiversidade das praias estuáricas depende das algas

Portada » O Parque Nacional » Conservar a biodiversidade das praias estuáricas depende das algas

Mai 25, 2016 | NATUREZA

Marina Gómez investigou na súa tese o papel ecolóxico do argazo

Conservar a biodiversidade das praias estuáricas depende das algas

A investigadora lamenta a falla de plans de conservación e xestión destes areais

D. Besadío | Vigo
Praia Ladeira, en Baiona; Arnelas e A Cantareira, na Illa de Arousa e Mañóns en Boiro. Estes son os catro areais elixidos pola investigadora Marina Gómez para realizar a súa tese de doutoramento, unha investigación pioneira sobre a ecoloxía dos varamentos de macroalgas nas praias estuáricas da costa de Galicia, o que se coñece como praias protexidas ou pouco expostas ás ondas. Os resultados obtidos non deixan lugar a dúbidas: a maior parte da biodiversidade destas praias depende en gran medida do varamento e descomposición das algas que a forza da marea deposita nelas.

“Os depósitos de algas proporcionan non só unha estrutura física que pode ser usada como refuxio ou lugar de cría, senón que ademais representa unha importante fonte de nutrientes e enerxía para a fauna das praias”, explica a autora da tese, quen durante máis de dous anos estudou de xeito pormenorizado a cantidade, localización e composición específica dos depósitos de algas que chegaron a estes catro areais galegos. Fíxoo como investigadora do grupo de investigación de Ecoloxía Costeira, ao que pertencen os dous directores da tese, os profesores Mariano Lastra e Jesús López.

A selección destes catro enclaves non se fixo ao azar, senón atendendo ás súas características físicas (por exemplo, o grao de protección fronte ás ondas) e das súas características biolóxicas (presenza de bancos moluscos bivalvos, entre outras). “O que fixen foi analizar o efecto que teñen estas achegas de algas sobre a biodiversidade das praias e determinar que especies de macrofauna se atopan asociadas aos procesos de degradación que sofren unha vez depositadas na area”, recalca Gómez, ao tempo que aclara que a investigación incluíu un experimento de campo no que se analizou en detalle este proceso de degradación.

algas duvi 2-min

O proceso de degradación afecta a todos os organismos da súa contorna

Os resultados da tese amosan que a arribazón de algas son a base dun complexo sistema trófico que proporciona diferentes vías para a transformación dos nutrientes, desde as achegas externas de algas ata os consumidores primarios e secundarios (crustáceos, insectos…) e incluso máis arriba da cadea trófica (peixes, aves mariñas e incluso os réptiles das dunas). “Os valores de respiración medidos sobre os parches de algas probaron que estes depósitos crean unha zona activa ou punto quente cunha actividade biolóxica e química especialmente distinta a do seu arredor”, apunta a autora da tese, que explica que isto indica que os procesos acontecidos durante as diferentes fases da degradación de todo este material vexetal producen efectos fervenza que afectan a toda a súa contorna e aos organismos asociados. “Son toda unha serie de detalles que poñen en relevancia o papel que estas acumulacións de macroalgas teñen sobre o funcionamento do ecosistema”, recalca Gómez.

algas duvi 3-min

Entre os intereses ecolóxicos e os económicos

O grupo Ecoloxía Costeira, ao abeiro do cal se realizou esta investigación, conta cunha dilatada experiencia sobre o papel das algas en praias oceánicas, expostas directamente ás ondas, pero ata o de agora apenas existía información sobre este tipo de praias protexidas, de gran relevancia en Galicia, tanto porque son moi numerosas, “boa parte das nosas praias están dentro das rías e, por tanto, protexidas da acción directa das ondas”, como polo tipo de actividades que se realizan nelas, ligadas ao turismo ou a actividades tradicionais como a pesca ou o marisqueo.

algas duvi 4-min

“En gran parte das praias protexidas da nosa costa lévanse a cabo importantes actividades económicas como a extracción de moluscos bivalvos, cun elevado número de mariscadores traballando a pé de praia”, salienta a investigadora, que explica que un dos principais conflitos que xorden nestas zonas de marisqueo son as acumulacións de algas, que en moitos casos acostuman darse de forma masiva en algunhas épocas do ano e que están relacionadas cos procesos de afloramento de augas profundas que se producen na costa e que fertilizan o medio. “Ademais, nestes ambientes abrigados e protexidos das ondas danse as condicións óptimas para o crecemento das que se coñecen como ‘algas oportunistas’, como a ulva ou leituga de mar, que favorece a formación de densas acumulacións de algas que quedan flotando á deriva e que, xeralmente, acaban varadas sobre as praias”, explica Gómez, que fai fincapé en que este fenómeno, que acostuma coñecerse como marea verde, é un problema para os bancos de moluscos bivalvos, xa que cobren a superficie do sedimento durante a baixamar provocando a morte dos moluscos por asfixia, “por iso a eliminación destes depósitos é unha práctica moi estendida”.

algas duvi 5-min

Ante a existencia deste conflito entre intereses económicos e ecolóxicos respecto ao manexo destes varamentos de algas, a autora da tese defende como “de vital importancia” dispoñer do coñecemento necesario para afrontar este problema e establecer plans para a conservación e xestión das praias protexidas.

Fonte:

Duvi

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos