Corvos mariños (I). O corvo mariño cristado por Mar de Aves

Portada » O Parque Nacional » Corvos mariños (I). O corvo mariño cristado por Mar de Aves

Corvos mariños (I). O corvo mariño cristado por Mar de Aves

Corvos mariños

Corvos mariños Phalacrocoracidae

Os corvos mariños son aves mariñas completamente negras, grandes, pesadas e de longo pescozo.

Excelentes mergulladores, aboian pouco e ao contrario da maioría das aves mariñas que “voan” debaixo da auga, os corvos mariños propúlsanse coas patas mantendo as ás ben pegadas ao corpo.

Alimentanse de peixe que capturan eles mesmos, tanto de especies peláxicas como de fondo. Moitas especies deste grupo tanto viven en medios mariños como de auga doce. Crían en colonias nas que constrúen niños voluminosos.

Nas costas do Atlántico europeo existen dúas especies, comúns en Galicia e nas Rías Baixas, o corvo mariño cristado e o grande.

O corvo mariño cristado é reprodutor, sedentario e exclusivamente mariño, o corvo mariño grande non cría en Galicia máis é abundante tanto na costa como no interior entre setembro e marzo.

CORVO MARIÑO CRISTADO (Phalacrocorax aristotelis)

CORMORÁN MOÑUDO / CORVO MARIÑO / GALO DE MAR / GALHETA / EUROPEAN SHAG

Phalacrocorax aristotelis

75 cm de lonxitude × 100 cm de envergadura. É un ave mariña de longo pescozo de cor negra con irisacións enverdezadas. A cabeza e o bico son finos e durante a primeira metade do ano os adultos locen un curto penacho. Os xuvenís (ata os dous ou tres anos de idade) son de cor parda, máis claros por embaixo.

De hábitos estritamente mariños, distribúese polas costas do Atlántico europeo e polas do Mediterráneo. Mantén colonias reprodutivas espalladas ao longo da costa galega, máis a meirande parte da súa poboación concéntrase no Parque Nacional.

A poboación reprodutora no Parque Nacional estimase en pouco máis de 1100 parellas das que 700 crían en Ons e Onza, 300 en Cíes e 100 nas dúas illas Sagres. O illote Falcoeiro (Ribeira) é a única localidade de cría nas Rías Baixas fóra do Parque.

Os corvos mariños do Parque son sedentarios, máis semella que os xuvenís adoitan dispersarse moito. Propios do litoral rochoso e sempre preto da costa, en augas pouco profundas (< 40 m). Entre xaneiro e xullo concéntranse ao redor das illas con colonias, mentres que no outono e no inverno espállanse algo máis.

Ao redor da metade dos corvos mariños da costa atlántica ibérica aniñan no Parque Nacional. Trátase da única especie de ave mariña que conta cun Plan de Conservación específico para o Parque e máis tamén foi incluída no Plan de Conservación das Aves Mariñas de Galicia. Os diagnósticos efectuados neses plans indican unha forte redución da poboación reprodutora nos últimos anos o que a cualifica “en perigo de extinción”.

A mortalidade en artes de pesca de enmalle, a depredación de carnívoros introducidos nas illas (gato e visón americano) e mais os efectos directos e indirectos da contaminación causada polo naufraxio do petroleiro Prestige son as principais causas detrás do seu declinar.

Porén, os últimos datos indican unha diminución que pode estar a diminuír, se cadra como resultado da aplicación das recomendacións do Plan de conservación, especialmente as relativas á erradicación de gatos e visóns das illas.

Cormoran monudo

Podes consultar nesta ligazón: MAR DE AVES Portal das Aves Mariñas das Rías Baixas

Qué é Mar de Aves?: Mar de aves: novo sitio web das aves mariñas do Parque Nacional e Rías Baixas

Descargar de balde en PDF a Guía básica de aves mariñas do Parque Nacional e das Rías Baixas de Nacho Munilla

Imaxe destacada: Corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis) nas illas Cíes  © Arquivo da Luz Atlántica

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos