Divulgare volve ao mar para mellorar a prevención e resposta fronte a vertidos químicos accidentais

Portada » O Parque Nacional » Divulgare volve ao mar para mellorar a prevención e resposta fronte a vertidos químicos accidentais

Ago 17, 2016 | CIENCIA

Arranca o proxecto europeo Mariner, coordinado polo Cetmar

Divulgare volve ao mar para mellorar a prevención e resposta fronte a vertidos químicos accidentais

Os investigadores vigueses crearán material divulgativo e didáctico para a planificación e adestramento

M. Del Río | Vigo
O grupo de investigación Divulgare volve a implicarse nun proxecto europeo de loita contra os vertidos marítimos accidentais, desta volta de substancias químicas. Tras a experiencia acumulada nos proxectos Arcopol, para a planificación, adestramento e resposta contra vertidos de hidrocarburos, os científicos universitarios inician agora unha nova andaina no proxecto Mariner (Enhancing HNS preparedness through training and exercising) que, coordinado polo Cetmar, se desenvolverá ata decembro de 2017. O seu obxectivo é mellorar a capacidade de resposta ante vertidos químicos mediante o desenvolvemento de plans de adestramento e resposta coordinados entre distintas rexións da Europa atlántica, como Reino Unido, Francia, España e Portugal. Trátase de mellorar a cooperación rexional na planificación, preparación e resposta a derrames de substancias nocivas e potencialmente perigosas (SNPP), formando e sensibilizando e potenciando a transferencia dos resultados de I+D. Co-financiado pola Comisión Europea a través da Dirección Xeral de Axuda Humanitaria e Protección Civil, xunto co Cetmar e a Universidade de Vigo, están implicados neste proxecto o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar); o Servizo de Gardacostas de Galicia; o Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Ciimar) da Universidade de Porto; o Centre de Documentation, de Recherche et d’Expérimentations sur les Pollutions Accidentelles des Eaux (Cedre) de Francia; a compañía lusa Action Modulers e Public Health England (PHE).

Arcopol 1

2000 substancias químicas transportadas por mar

O profesor Luis Navarro, coordinador de Divulgare, explica que despois de traballar durante varios anos coa serie de proxectos Arcopol, centrados nos vertidos accidentais de hidrocarburos, “démonos conta de que a preparación para a loita contra os vertidos químicos (Hazardous and Noxious Substances) está moito peor definida que a loita contra vertidos de petróleo”. O científico remarca que as verteduras químicas teñen “unha gran complexidade”, dado que hai máis de 2000 substancias químicas diferentes encadradas nesta categoría que son transportadas polo mar. Lembra que “o transporte destas substancias creceu dun xeito importante nos últimos anos” e  por exemplo en 2015 foron máis de 215 millóns de toneladas de HNS as que se transportaron por mar e, entre 1987 e 2006, houbo máis de 100 accidentes con carga deste tipo en augas europeas. O incremento do transporte deste tipo de produtos aumenta tamén o risco de accidentes mariños, co problema engadido de que cada tipo de sustancia precisa dun protocolo de combate específico.
Arcopol 2

O papel de Divulgare

O principal obxectivo do proxecto é establecer protocolos de combate para os principais tipos de substancias e dar formación aos responsables e implicados na loita contra os vertidos no mar. A participación do grupo vigués, como explican os investigadores, céntrase en dous aspectos fundamentais. Por unha banda achegarán os seus coñecementos sobre os danos ambientais que poden provocar este tipo de vertidos e para a identificación das mellores prácticas ambientais na loita contra as verteduras. A segunda liña de actuación de Divulgare será a divulgación, creando e difundindo vídeos curtos dos resultados que se vaian obtendo no proxecto, e elaborando material audiovisual e gráfico que se utilizará nos cursos en liña que se van preparar ao abeiro do proxecto, continuando co traballo realizado ao abeiro dos proxectos Arcopol.

Cada un dos socios desenvolverá un parte do proxecto, de modo que se abordarán tamén outros temas como a adaptación ao medio mariño dos protocolos e equipos existentes para a resposta a derrames deste tipo de sustancias en terra ou en ambientes fluviais; o desenvolvemento e mellora de modelos de predición do comportamento, traxectoria e impacto ambiental das substancias nocivas e potencialmente perigosas, así como a elaboración de materiais, cursos de formación e ferramentas que faciliten a realización de exercicios adaptados a diferentes rexións e escenarios.
Arcopol 3

Os froitos de Arcopol

O Cetmar estivo durante sete anos á fronte dos proxectos Arcopol para a mellora das capacidades de prevención, resposta e mitigación contra os vertidos de hidrocarburos, sustancias químicas e inertes nas rexións atlánticas europeas, e como resultado púxose en marchar a plataforma do mesmo nome, que conta con preto de 200 membros de toda Europa e tamén dos EEUU. Ademais, parte dos resultados dos proxectos Arcopol están recollidos no Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal), que establece normas e procedementos básicos de actuación, a estrutura de organización e o sistema de resposta fronte a un episodio de contaminación mariña accidental que se produza ou teña impacto no litoral galego.

Fonte:

Duvi

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...