Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada contan xa cun cupo establecido tanto para a época estival coma para o resto do ano.
Tras 17 anos da declaración do Parque Nacional, o pasado martes 19 de febreiro entraba en vigor o plan reitor de uso e xestión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O plan ten como obxectivo global o mantemento ou, de ser o caso, o restablecemento, nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies de flora e fauna de interese para a conservación, tendo en conta as exixencias económicas, sociais e culturais, así como as particularidades rexionais e locais. Para acadalo, o presente plan fixa os seguintes obxectivos:
OBXECTIVOS
- Conservar a biodiversidade a través do mantemento dos procesos ecolóxicos esenciais, garantindo o mantemento das paisaxes, os medios ecolóxicos, os humedais e os hábitats, así como a conexión das poboacións de fauna e flora silvestres, e preservar a diversidade xenética
- Contribuír a garantir a biodiversidade mediante o establecemento de medidas de xestión para o mantemento ou o restablecemento, nun estado de conservación favorable, sobre certos tipos de hábitats (especies silvestres de flora e fauna, aves migratorias e núcleos poboacionais das especies incluídas nos Catálogos español e galego de especies ameazadas).
- Establecer un marco para a protección dos ecosistemas acuáticos e humedais que favoreza a súa conservación e o seu uso sustentable.
- Regular as actividades susceptibles de afectar de forma apreciable a integridade do espazo ou dos seus compoñentes (hábitats e especies)
- Adoptar as medidas necesarias para protexer e conservar os ecosistemas e a diversidade biolóxica da zona marítima e, de ser o caso, recuperar as zonas mariñas degradadas.
- Promover a difusión dos valores do patrimonio natural e cultural, regulando de forma compatible coa súa conservación tanto a actividade investigadora e educativa como o acceso dos visitantes.
- Fomentar o desenvolvemento de actividades compatibles coa conservación da biodiversidade.
- Incorporar o parque nacional ás redes e programas nacionais e internacionais de conservación, monitoraxe e seguimento da biodiversidade.
Podes consultar o texto completo do plan no DOGA.
Imaxe: Arquivo da luz Atlántica