Un congreso afonda en Poio no desenvolvemento deste sector no primeiro terzo do século XX
España atopábase xa entre os principais destinos turísticos do mundo a comezos da década de 1930
Expertos de 18 universidades participan nunhas xornadas centradas en amosar novos datos deste período
Eduardo Muñiz | Pontevedra
“Repensar a historia do turismo en España no primeiro terzo do século XX”. Este é, como sinala o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais Rafael Vallejo, o obxectivo principal do I Congreso da Historia do Turismo, que desde o pasado martes reúne no mosteiro de San Xoán de Poio a expertos e expertas de 18 universidades co propósito de arroxar luz sobre a historia deste sector nunha época, recoñece, pouco estudada ata o de agora. Unha época na que España é xa “un país emerxente no mercado turístico mundial”, como amosan as comparativas que, partindo dos datos da Sociedade de Nacións, Vallejo presentou nesta primeira xornada e que a sitúan como o noveno país do mundo en ingresos xerados polo turismo receptor en 1933.
Inserido nun proxecto de investigación do grupo Turhis, coordinado polo investigador da Universidade de Granada Carlos Larrinaga, que ten como obxectivo analizar a historia do turismo en España ao longo do século XX, o congreso que ata este xoves reuniu en Poio a expertos en historia, economía, xeografía ou antropoloxía busca afondar nas investigacións máis recentes que se están a desenvolver ao abeiro deste proxecto financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad. Estudos que deron pé a esas comparativas coa situación internacional adiantadas por Vallejo, que en 1931 sitúan a España como o décimo terceiro país do mundo en ingresos turísticos, de 12,4 millóns de dólares, nunha listaxe que lideran Canadá e Francia, con igresos por riba dos 200 millóns. Dous anos máis tarde, “nun momento de aparente crise mundial”, España situaríase xa no noveno posto, cuns ingresos de 325 millóns de francos, nunha clasificación que comanda Francia con preto de 3000 millóns.
Enchendo un oco na historia do turismo
Xunto a Vallejo e Larrinaga, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o deputado provincial Santos Hector e o concelleiro de Turismo de Poio, Xosé Luis Martínez, participaron no acto de apertura dunhas xornadas que contan tamén coa colaboración da agrupación estratéxica da Universidade Ecobas e reúnen os relatorios de 24 expertos e expertas, dirixidos a afondar “desde distintos prismas” nun fenómeno que, como lembrou Corbacho, xerou o ano pasado máis de 80.000 empregos e que supón máis do 11% do PIB do país.
Unhas cifras moi superiores ás do primeiro terzo do pasado século, “onde o seu impacto no PIB non chegaba ao 0,5%”, como recoñece Larrinaga, quen, non obstante, incide na importancia dunha etapa na que “se está creando xa a primeira industria do turismo”, co xurdimento dunha rede hoteleira, o nacemento de axencias de viaxes, o desenvolvemento de políticas turísticas ou os inicios da “democratización do turismo”, a incorporación das clases medias a este tipo de ocio. “Todo isto quebra na Guerra Civil, pero non desaparece como tal, senón que logo se reconfigura”, salienta este investigador, que incide nese senso en que, ata o de agora, a análise da historia deste sector puña o seu foco “no gran boom dos anos 60”, deixando nos dos inicios do século XX “un oco que había que cubrir”. Dar conta dalgúns dos estudos desenvolvidos ao abeiro do proxectos Turhis e Turhisgal, e este último coordinado por Vallejo e centrado no caso concreto de Galicia, constitúe de feito un dos propósitos fundamentais dun congreso, no que a participación de expertos e expertas de diferentes universidades españolas se complementa coas achegas de especialistas como Kristy Hooper, da universidade británica de Warwick, ou o hispanista da State University of New York Sasha Pack.
Larrinaga e Vallejo son os coordinadores destas xornadas
Un turismo maioritariamente interno
Segundo engade Larrinaga, unha das eivas na análise deste período era centrar o estudo na chegada de viaxeiros a España, “cando o que vemos é que os españois eran maioría fronte aos estranxeiros”. Preto do 78% do turismo en España naquela época, engade Vallejo, era “turismo interno”, ao que se suma o feito que, durante boa parte do década de 1920, España foi máis “un país de turistas que un país turístico”, como exemplifican datos como a media de 500.000 viaxeiros españois que entre 1924 e 1928 acudían anualmente a Francia.
Outra das eivas, engade Vallejo, pasa pola falta de estatísticas, fronte ao que este grupo de investigadores avoga polo uso da prensa e das hemerotecas dixitais como unha fonte que permitirá “revolucionar o coñecemento desta materia”. Deste xeito, neste congreso presentan tamén unha serie de índices de intensidade mediática que amosan que o ciclo turístico en España non foi neste período diferente ao do contexto internacional. Deste xeito, tras unha primeira fase de expansión cara 1910, o sector viviría un retroceso coincidindo coa primeira Guerra Mundial, para logo entrar nunha “fase de recuperación lenta” cara 1920 e vivir xa un “crecemento moi intenso” entre 1924 e 1930, lastrada por un novo retroceso tras 1929 , para chegar a un novo período de recuperación nos inicios da década de 1930, nos que “os niveis turísticos no caso español son maiores que nos anos 20”, apunta Vallejo. “Isto significa que non é aínda un país turístico, pero que está en camiño de selo”, sinala do período previo á Guerra Civil, que se adiantou tres anos ao afundimento xeneralizado do sector que provocou a Segunda Guerra Mundial.