Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
CAPÍTULO 4 (XXV)
Os seus lugares
Lavadoiro de Caño
Lavadoiro situado no barrio de Caño que aproveita as augas do rego do mesmo nome. É de planta rectangular e está construído en ladrillo e cemento. A cuberta, a dúas augas, reformouse recentemente. Trátase dunha estrutura de vigas e trabes de madeira sobre as que se dispón a tella do país.
Nesta cuberta consérvanse pegadas da construción orixinal como, por exemplo, no lintel da zona de acceso ao lavadoiro. Está resaltada en cemento (material de construción da base de cubrición) a data de construción ou de renovación (1962) así como o relevo do xugo e das frechas, símbolo da ditadura franquista.
O lavadoiro do Caño na actualidade © Santi Boado Aguinaga
O lavadoiro está pechado por dúas paredes en “L”. No interior deste recinto está o lavadoiro e a pedra de lavar en forma de “L” feita con laxes de granito.
O rego do Caño canalízase nunha cota superior, nun punto próximo, a través dunha levada que dirixe a auga cara ao lavadoiro, e por outra banda sortea unha fonte que hai a 50 m ao sueste, a fonte do Caño.
A auga sobrante, a que non é captada por estas construcións, vai directamente ao rego que atravesa o lugar de Caño a través dunha pontella, dirixíndose cara á costa leste da illa, pasando por A Laxe e desembocando en Area dos Cans.
Imaxe de 1961 procedente do Arquivo Histórico de Pontevedra, cando se levaron a cabo as obras de construción do lavadoiro. A cuberta era a catro augas, hoxe ten unha cuberta de dúas augas. (Fonte: Arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra (1961), 2527 / 19, Exp. 33/ 4).
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada