Mes e medio de actividades organizadas por e para o alumnado de Ciencias do Mar

Portada » O Parque Nacional » Mes e medio de actividades organizadas por e para o alumnado de Ciencias do Mar

Mai 16, 2018 | ACTUALIDADE

O programa Live Science acada xa a súa quinta edición

Hai previstas exposicións, conferencias, concursos e unha visita guiada á lonxa de Vigo

D. BESADÍO  DUVI  09/05/2018

Exposicións, conferencias, concursos e unha visita guiada á lonxa de Vigo o 28 de maio. A Delegación de Alumnado da Facultade de Ciencias do Mar organizou un completo programa de actividades culturais ata mediados de xuño. É a quinta edición do programa Live Science, unha iniciativa de divulgación posta en marcha polo alumnado do centro “co obxectivo de facerlle ver aos nosos compañeiros e compañeiras, sobre todo da nosa propia facultade, todo o que se pode facer ao rematar a titulación”, explica Lucía Martínez Yebra, alumna de cuarto curso e quen, xunto a Aurora Sobrino, de terceiro, se atopa este curso á fronte da organización. Son a cara máis visible dun equipo do que tamén forman parte outros tres estudantes: Víctor González, de cuarto; Yaiza Aguín, de terceiro e Sonia Vila, de segundo.

Tres exposicións vertebradas en torno ao mar

As actividades arrancaron a finais de abril coa exposición Desde a superficie ao bentos, exposta na entrada principal do edificio de Ciencias Experimentais e que este venres se substituirá por outra dedicada ao mundo dos sedimentos e da estratigrafía. “A primeira exposición está orientada a que as persoas interesadas poidan ver os diferentes organismos que se poden atopar no mar”, apunta Martínez Yebra, quen tamén explica que hai unha parte da mostra dedicada á zona de rochas, outra á columna de auga con fondo de area ou lodo e, outra parte, de grandes profundidades. “A idea é que poidan ver as diferencias entre eles e non limitarse a aprender as súas características nas clases”, explica a coordinadora das actividades.

Organizadores do Live Science 2018

Parte do equipo de organización de Live Science 2018

A segunda exposición, titulada Estratigrafía, amosará as variacións en función da zona da que se trate, “e, con ela, queremos que o alumnado se interese un pouco máis polo mundo do sedimento”, explican desde a organización, ao que engaden que esta poderá visitarse do 11 ao 25 deste mesmo mes. A terceira levará por título Buques oceanográficos e prolongarase ata mediados de xuño. Para esta contan coa axuda de membros da Armada Española da comandancia de Vigo que teñen algunhas réplicas de buques e pesqueiros que se foron construíndo ao longo dos anos e que, amablemente, llos van prestar. “A nosa carreira ten múltiples saídas en barco, así que, que mellor que coñecer onde podes chegar a traballar e aprender a mellorar os diferentes tipos de instrumentos que se empregan, de feito hai varios proxectos para mellorar o sector pesqueiro e queremos dalos a coñecer”, explica a coordinadora.

Concurso de dibujo y fotográfico

O prazo de presentación de traballos no concurso é do 15 ao 30 de maio

Os mamíferos mariños protagonizan este xoves a primeira conferencia

Ademais das exposicións, o programa de Live Science 2018 inclúe tamén dúas conferencias. A primeira será mañá xoves e levará por título Mamíferos marinos del mundo y los retos para su conservación e encargarse de impartila Carmen M. Arija, zoóloga especialista en mamíferos mariños e carnívoros e fundadora-directora de Sea Wolves, un centro de formación e investigación zoolóxica dedicado á educación e á divulgación biolóxica. A cita será no salón de graos ás 13.00 horas. A seguinte será xa o xoves 24 e centrarase no mundo da hidrografía mariña.

Concursos de fotografía e debuxo

Ademais das exposicións e conferencias o curso pasado o equipo de organización de Live Science, do que Lucía Martínez xa formaba parte como colaboradora, decidiu incluír no programa un concurso de fotografía de temática mariña e, “como a cousa saíu bastante ben”, este ano decidiron non só repetir esta experiencia, senón ampliala cun concurso de debuxo “que agardamos esperte tanto ou máis interese que o de fotografía”. O prazo de presentación de traballos manterase aberto do 15 ao 30 de maio e, en ambos casos, haberá premios para os tres primeiros clasificados. No caso do premio de fotografía o primeiro recibirá unha tableta; o segundo, unha mochila de transporte de material fotográfico e, o terceiro, unha tarxeta de memoria de 16 Gb. No concurso de debuxo as persoas que gañen recibirán cadansúa caixa Faber Castell valorada en 100, 75 e 25 euros, respectivamente.

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos