Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero
CAPÍTULO 4 (XI)
Os seus lugares
Muíño do Rego do Castelo
Trátase das ruínas dun muíño de río situado nunha valgada por onde baixan as augas do rego do Castelo e de Entenza, na parte oriental da illa. Foi descuberto no verán de 2012 nas tarefas de limpeza de vexetación feitas polo persoal do Parque Nacional. Trala roza, puidéronse ver as canles de captación e derivación da auga e restos de cimentación. Polo que se puido apreciar, trataríase dun muíño de cubo, construídos naqueles regos onde o caudal non era moi abundante e con variación estacional, e estes depósitos permitían a moenda durante case todo o ano. Conserva parte da parede onde se sitúa o inferno, cavidade onde estaría o rodicio e saída da auga. Esta parte está feita con pedra de gran a base de bloques de cantería e cachotería, encaixados uns en outros sen argamasa entre eles. Non conserva ningunha das pedras de moer.
Esta entidade sitúase nunha zona de pendente con abundantes terrazas agrarias e canles de derivación de auga, xa que a sobrante deste posible muíño utilizaríase para o rego destas fincas en pendente.
O seu recente descubrimento non nos permite facer unha descrición máis pormenorizada. A isto engadímoslle que non había noticia de ningún muíño de río na illa, ata o momento, nin na documentación moderna nin nas entrevistas realizadas á xente xa que, segundo contan, cando tiñan que moer o cereal ou ben ían a Portonovo ou Bueu ou si o temporal non permitía o desprazamento facíano con muíños de man circulares que tiñan nas súas casas.
Porén, recentes entrevistas á xente de máis idade da illa, confirmaron que efectivamente lembran a existencia dun muíño propiedade da familia Riobó, e que aproveitaba as augas da Entenza.
Imaxe destacada: vista exterior inferno do muíño do rego do Castelo
© Santi Boado Aguinaga
Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través desta ligazón
Título: Ons: unha illa habitada
Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina
Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple
Ler tamén: Ons: unha illa habitada