Nos granitos das zonas altas de Cíes atopamos marcas de micromodelado xerando formas moi caprichosas
É unha paisaxe de contrastes, modelada pola acción dos axentes erosivos
O arquipélago das illas Cíes (Monteagudo, Montefaro e San Martiño) presenta dúas caras ou vertentes moi ben diferenciadas, a occidental e oriental u oeste e leste. A primeira moito máis abrupta, con cantís verticais que miran ao océano Atlántico, e a segunda máis amable e suave con areais e sistemas de dunas que miran ao interior da ría de Vigo, ao abeiro do océano.
Pequenas pías cubertas de liques (Caloplaca marina) © Arquivo da Luz Atlántica
É polo tanto, unha paisaxe de contrastes modelada pola acción dos axentes erosivos (mareas, ondaxe, vento, auga, sal, liques e carrizas).
Cantís cara oeste de Monteagudo © Arquivo da Luz Atlántica
O arquipélago de Cíes está conformado por estas tres illas principais (Monteagudo ou Norte, Montefaro ou do Medio e San Martiño ou Sur) de formas alongadas e que están moi caracterizadas por esta morfoloxía oposta entre as caras oeste e leste. As mareas e a ondaxe do mar ao longo do tempo foron erosionando a costa, xerando fendas, socavando e provocando a caída de bloques, formándose deste xeito os cantís verticais e as furnas ou covas mariñas que observamos na actualidade.
Contaste entre a cara oeste (cantís) e leste (areais e sistemas de dunas) © Arquivo da Luz Atlántica
O vento e a salinidade tamén contribúen de maneira importante a modelar a paisaxe de ambas caras ou vertentes.
Son zonas cunha gran influencia do mar, bater das ondas, mareas, vento ou alta salinidade, sendo polo tanto solos con condicionantes adversos para o desenvolvemento das plantas onde só a vexetación especializada é quen de se instalar.
Areal de Rodas na cara leste das illas Cíes © Arquivo da Luz Atlántica
Pías e alvéolos
É así que nos granitos das zonas altas de Cíes atópanse marcas de micromodelado que en ocasions xeran formas moi caprichosas, sendo o resultado da acción quimica (transformación dos minerais e formación de cristais de sal) e biolóxica sobre a zona (presenza de liques e carriza).
Cantís verticais e fracturados na cara oeste das illas Cíes © Arquivo da Luz Atlántica
Con frecuencia estas pegadas de alteración son máis tarde acentuadas pola meteorización física en puntos débiles do granito onde se acumula auga da chuvia cargada de cristais de sal mariña como nas pías.
A medida que vai avanzando o tempo, a acción química da auga disolve os minerais da rocha dando lugar ás formacións que temos presentes no Alto do Príncipe e no Alto da Campá, coñecidas como pías en primeiro lugar e alvéolos ou niños de abella e taffonis ou cacholas no segundo punto referido.
Pías no alto do Príncipe da illa de Monteagudo © Arquivo da Luz Atlántica
O Alto do Príncipe destaca pola acumulación dunhas formacións moi chamativas denominadas pías, rochas fortemente erosionadas en forma de buracos.
As pías fórmanse en superficies horizontais como as que apreciamos claramente neste punto do Alto do Príncipe onde son abondosas.
Os alvéolos ou niños de abella prodúcense en superficies verticais, denominándose taffoni ou cachola cando na súa evolución dan lugar a unha cavidade na rocha. O mellor exemplo deste fenómeno témolo noutro punto, na illa do Medio ou Montefaro, no lugar do Alto da Campá.
Alvéolos ou niños de abella de camiño ao alto da Campá na illa de Montefaro © Arquivo da Luz Atlántica
Así, mentres as pías aparecen en superficies horizontais, os alvéolos xurden en superficies verticais.
Os taffoni son cavidades moi chamativas de camiño ao alto da Campá, creadas nas rochas pola evolución dos alvéolos, chegando a perforar a rocha. No propio lugar do alto da Campá atopamos unha gran pedra cunha cachola ou taffoni.
Taffoni ou cachola no alto da Campá na illa de Montefaro © Arquivo da Luz Atlántica
Tamén che poden interesar as seguintes entradas:
As furnas ou covas mariñas das illas Cíes e Ons/Onza (I)