O arquipélago de Ons. Presentación

Portada » O Parque Nacional » O arquipélago de Ons. Presentación

Dec 27, 2015 | NATUREZA, TURISMO

Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Arquipélagos das illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

O arquipélago de Ons. Presentación

O arquipélago de Ons (concello de Bueu) consta de 2641 hectáreas (470 terrestres e 2171 marítimas).

Situado na entrada da ría de Pontevedra, está conformado por dous illas, Ons e Onza, e illotes menores como a Laxe do Crego, o Centolo, o Cairo, o Gaiteiro ou as Freitosas.

 A illa de Ons é visitable en embarcacións de pasaxe e recreativas que parten de BueuSanxenxo e Portonovo principalmente.

Presenta un perfil case de meseta, onde destaca o marcado contraste entre a cara oeste, con cantís e furnas ou covas mariñas, e a cara este, moito máis suave e amable. Aquí se atopan os areais das Dornas, Area dos Cans, Canexol e Melide ou os sistemas de dunas (Canexol e Melide). Por tanto foi o lugar escollido para os asentamentos humanos, os barrios de Ons (O Curro, O Caño, Canexol, Pereiró, O Cucorno, O Laverco, Chan da Pólvora e O Centulo).

A súa altitude máxima de 118 m sitúase no lugar do Faro, chegando ata os 128 m no alto da torre.

Son de grande importancia as colonias de aves mariñas de gaivota patiamarela e de corvo mariño cristado que nidifican nos cantís e repisas das furnas.

Aínda así, os maiores valores que alberga este arquipélago, coma no resto do Parque Nacional Marítimo Terrestre das illas Atlántica de Galicia (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada), están sobre todo nos fondos mariños (de area, rochosos, de cascallos, de maërl, bosques de algas…). É un mar de vida.

Ao navegar cara as illas podemos sorprendernos coa presenza de mamíferos mariños, cetáceos como golfiños e arroaces, ou mesmo aves de paso migratorias, mascatospardelas, carolos, papagaios ou araos dos cons.

Na illa de Ons existe un centro de Visitantespunto de Informacióncamping, aseos, posto de primeiros auxilios, hostalería, cámping, áreas de descanso e paneis informativos. Dispón así mesmo de itinerarios sinalizados autoguiados e circulares. Son as rutas do Sur, Norte, Faro e do Castelo.

Do mesmo xeito, cabe tamén a posibilidade de realizar rutas guiadas acompañados por guías acreditados do Parque Nacional.

Fotogalería:

Imaxes:

– Santiago Boado Aguinaga
– Plano da illa de Ons: Mapa das Illas Ons” por Bene Riobó – Imaxe propia. Baixo a licenza CC BY-SA 2.0 a través de Wikipedia
– Allo bravo: Flores na Illa de Ons” por Óscar (xindilo/fotosderianxo) – originally posted to Flickr as Flores. Baixo a licenza CC BY-SA 2.0 a través de Wikimedia Commons.
– Dende a costa, punta Faxilda: Punta Faxilda, Sanxenxo. Ó fondo Ons, Bueu” por Angel Torres – originally posted to Flickr as Punta Faxilda. Baixo a licenza CC BY 2.0 a través de Wikimedia Commons.
– Chorima: Chorima” por amaianos – originally posted to Flickr as Chorima. Baixo a licenza CC BY 2.0 a través de Wikimedia Commons.
Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos