O arquipélago de Sálvora. Presentación

Portada » O Parque Nacional » O arquipélago de Sálvora. Presentación

Feb 5, 2016 | NATUREZA, TURISMO

Parque Nacional marítimo-terrestre das illas Atlánticas de Galicia. Arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

O arquipélago de Sálvora. Presentación

O arquipélago de Sálvora (Ribeira) con 2557 hectáreas, (248 terrestres e 2309 marítimas), está situado na entrada da ría de Arousa, conformado por unha illa principal, Sálvora, mais un conxunto de illotes como Noro, Vionta ou Sagres.

A illa de Sálvora é visitable en embarcacións de pasaxe (e recreativas) que parten do porto de O Grove ou dende Aguiño-Ribeira.

O uso público está restrinxido á ruta do Faro e á ruta da Aldea (esta só se vamos acompañados dun guía acreditado). Son rutas de ida e volta. A ruta do Faro conta con paneis informativos-interpretativos e é autoguiada.

De suaves pendentes e cunha altitude máxima de 73 m (monte Gralleiros) presenta unha paisaxe de rochas graníticas redondeadas, erosionadas pola acción do vento, que adquiren as máis caprichosas formas. Son os denominados bolos ou “monstros de Sálvora”.

Destacar as colonias de aves mariñas, de gaivota patiamarela, escura, gaivotón e corvo mariño cristado.

Ao navegar cara as illas podemos sorprendernos coa presenza de mamíferos mariños como arroaces e golfiños ou aves de paso/migratorias como mascatos, pardelas ou álcidos.

Elementos e lugares destacados son o Faro (que xunto ao de Ons están aínda habitados por torreiros), os sistemas de dunas do “areal do Almacén” e ” areal dos Bois “, a vella factoría de salgado de peixe e a taberna (reconvertidas posteriormente en pazo e capela e hoxe como Centro de Interpretación), a eira de mallar, a fonte de Santa Catalina, a telleira, a Aldea cos seus hórreos e cortes ou o monumento da Serea.

Imaxes:

-Cíes.gal
-Aldea: De Certo Xornal from Ribeira, Galicia, España – Aldea Sálvora, CC BY-SA 2.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=16363818
-Sálvora dende Aguiño: De Lmbuga de gl, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=2010723
-Pazo: Wikimedia Commons

-Santiago Boado Aguinaga

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos