Feb 10, 2016 | NATUREZA, TURISMO

Parque Nacional marítimo-terrestre das illas Atlánticas de Galicia. Arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

O arquipélago de Cortegada ten unhas condicións moi diferentes con respecto aos outros tres arquipélagos que conforman o Parque Nacional. Está situada no interior dunha ría, no esteiro do río Ulla, e non na boca de entrada da ría de Arousa.

É moi relevante e sorprendente a súa frondosa masa forestal, case que toda ela de carácter autóctona e espontánea. Non ocorre así no resto das illas do Parque Nacional, onde abondan as masas forestais alóctonas de piñeiros, acacias e eucaliptos. Aínda que existen actuacións para a súa eliminación progresiva.

A paisaxe de Cortegada até o primeiro terzo do século XX era ben diferente da actual, predominando os campos de cultivo parcelados e separados por sebes de loureiros e salgueiros.

Co abandono da poboación, dos cultivos e de gran parte do gando que alí pastaba, será a partir destas sebeiras de onde xurda a vexetación autóctona actual, ben un bosque de carballos, de loureiros, salgueiros, cerquiños, castiñeiros, amieiros ou estripeiros, con algunha mancha de piñeiroeucalipto.

O bosque de loureiros de Cortegada é un dos maiores de Europa, ocupando solos un tanto enchoupados ou con acumulación de auga.

Compre destacar que dentro deste arquipélago, na illa Malveira Grande, existe un dos poucos bosquetes de cerquiños do litoral galego, acompañado de exemplares de loureiros e estripeiros.

Ademais tamén conta cunha insólita e extraordinaria abundancia, riqueza e diversidade micolóxica de fungos e cogomelos, con medio millar de especies catalogadas.

Imaxes: 

Cíes.gal

Santiago Boado Aguinaga
Author: Santiago Boado Aguinaga

Santi Boado é licenciado en Historia pola Universidade de Santiago. Investigador, divulgador e redactor. Naturalista vocacional, ten formación en comercialización e información turística, interpretación do patrimonio e educación ambiental. Exerce de guía-intérprete en espazos con valor patrimonial. Tamén é guía acreditado do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e membro da Asociación de Guías Acreditados das Illas Atlánticas de Galicia-Agaia, do clube de montaña Pena Trevinca-Montañeiros de Galicia e da Seo-Birdlife.

Otros artículos