O IEO lidera unha campaña para avaliar a contaminación por microplásticos nas augas e sedimentos de Galicia e Cantabria
A bordo do buque oceanográfico “Ramón Margalef”
Este pasado martes, investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) comezaron, a bordo do buque “Ramón Margalef”, unha campaña oceanográfica para avaliar a contaminación por microplásticos tanto na auga como nos sedimentos das costas de Galicia e Cantabria.
Durante oito días, os científicos estudarán a distribución espacial e temporal dos microplásticos e os seus contaminantes asociados e avaliarán a efectividade da mostraxe de diferentes redes para o estudo destes contaminantes emerxentes.
O buque partiu do porto de Vigo e percorrerá parte do litoral atlántico e cantábrico facendo mostraxes das augas superficiais e sedimentos entre 50 e 200 metros.
A campaña enmárcase no proxecto europeo BASEMAN (Establecemento de protocolos e referencias para a análise de microplásticos en augas europeas), financiado pola convocatoria JPI-Oceans e coordinado polo centro de investigación alemán Alfred Wegener Institute Helmholtz Centre for Polar and Marine Research (AWI).
O obxectivo principal de BASEMAN é establecer unha metodoloxía estandarizada para a identificación e cuantificación da contaminación por microplásticos nos océanos.
Este proxecto, no que participan 26 institucións de 14 países, divídese en cinco paquetes de traballo, un dos cales, o de mostraxes, está liderado por Jesús Gago, investigador do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO.