O mexillón, un excelente sistema de estudo para a bioloxía e o cambio climático

Portada » O Parque Nacional » O mexillón, un excelente sistema de estudo para a bioloxía e o cambio climático

Out 26, 2016 | CIENCIA

I International Symposium on Advances in Marine Mussel Research

O mexillón, un excelente sistema de estudo para a bioloxía evolutiva, ecoloxía, ecotoxicoloxía e o cambio climático

Científicos, estudantes e produtores de Europa e África participan nun congreso no campus de Vigo

M. Del Río | Vigo
75 científicos e científicas, estudantes e persoal técnico de empresas acuícolas-conserveiras participan hoxe mércores e mañá xoves no I International Symposium on Advances in Marine Mussel Research, organizado por investigadores do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía e a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla. Trátase, segundo os seus coordinadores, dunha oportunidade para poñer en contacto o persoal do mundo da investigación e da docencia universitaria coa industria, de xerar sinerxías e compartir coñecementos para avanzar na investigación e innovación relacionada co mexillón.

Con asistentes procedentes de países como Reino Unido, Francia, Italia, Portugal, Polonia, Turquía, Exipto ou Nixeria, este simposio pretende abordar os últimos avances realizados na investigación de diferentes especies de mitílidos dende unha perspectiva multidisciplinar que abarca campos como xenómica, proteómica, inmunoloxía, fisioloxía, ecoloxía e acuicultura. Así, participan tanto investigadores de prestixio internacional e docentes e estudantes como persoal relacionado co sector produtivo da industria produtora e conserveira. A todos lles deu a benvida esta mañá no Edificio de Ciencias Experimentais o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, lembrando que “Galicia é un lugar moi destacado na investigación mariña”, e poñendo como exemplo o Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar con máis de 25 institucións implicadas e lideradas pola Universidade viguesa.

mexillon-simposio-1

Científicos, estudantes e produtores de Europa e África participan nun congreso organizado pola Universidade de Vigo

Galicia, líder en investigación e en produción

Detrás desta primeira edición deste congreso, que nace co obxectivo de consolidarse no almanaque de citas científicas viguesas, están os investigadores Ángel Pérez Diz, Armando Caballero, Juan Galindo e Antonio Villanueva. Explican que a elección de Vigo non é unha casualidade, xa que na cidade olívica concéntranse importantes centros de investigación mariña, como a Ecimat, o Instituto de Investigacións Mariñas, o Instituto Español de Oceanografía, Cetmar ou Anfaco. Por outra banda, Galicia lidera a produción deste molusco non só en España, senón que é a primeira rexión produtora de Europa, a axudando a consolidar a España entre os tres países con maior produción a nivel mundial deste importante recurso mariño, tras China e Chile. Ademais, o mexillón representa un excelente modelo de estudo en bioloxía evolutiva, ecoloxía, ecotoxicoloxía, cambio climático, etc.

Pérez Diz explica que o Mytilus edulis complex, que inclúe tres taxóns (M. edulis, M. galloprovincialis, M. trossulus), está presente en todo o planeta, nas augas tanto do hemisferio norte como sur, e ten sido obxecto de estudos dende as perspectivas ecolóxica, ecotoxicolóxica, fisiolóxica, inmunoloxía, xenética, etc. “Estas tres especies representan un sistema moi interesante para estudar a evolución das barreiras reprodutivas e tamén son organismos moi importantes nos que estudar os efectos ecotoxicolóxicos e mellorar a nosa comprensión sobre a resposta inmune”. Ademais, engade, “recentes avances nas tecnoloxías de secuenciación permitiron desenvolver unha ampla gama de ferramentas xenómicas para o Mytilus, incluíndo a secuenciación de todo o xenoma”.

Ponencias convidadas e presentación de traballos

Ao longo destes dous días, sete científicos de renome internacional cunha ampla traxectoria investigadora imparten cadansúa conferencia sobre diferentes aspectos e retos da I+D relacionada co mexillón. Nicolas Bierne, da Universidade de Montpellier; Carlos Canchaya, da Universidade de Vigo; Ibon Cancio, da Universidade do País Vasco; Antonio Figueras e Beatriz Novoa, do IIM CSIC; David Skibinski, da Universidade de Swansea (UK) e Antonio Villalba, do Centro de Investigacións Mariñas da Xunta de Galicia, afondarán ao longo da primeira xornada nos últimos avances na secuenciación do mexillón, o seu sistema inmune, as enfermidades, os efectos da contaminación, etc. En concreto, como explica o profesor Pérez Diz abordaranse temas como a secuenciación do mexillón da especie Mytilus galloprovincialis (á que pertence o mexillón galego), así como as súas enfermidades e o seu sistema inmune primitivo, “pero á súa vez sorprendentemente tan eficaz”, sempre tendo en conta “as implicacións para o sector acuícola. Outros temas primordiais que se tratan neste simposio son o proceso de transmisión de cancros entre individuos, que acaba de ser descrito en distintos bivalvos incluído o mexillón así como os efectos da polución e a saúde ambiental mariña medibles a través de organismos mariños centinela, como é o caso do mexillón. As ponencias analizarán tamén a estrutura xenética das poboacións de mexillón europeo, incluíndo as zonas híbridas, “cunha forte implicación evolutiva, xa que nos axuda a comprender como se adaptan e se forman novas especies mariñas”. Finalmente, outro dos ítems do simposio son as implicacións a nivel molecular do modo de herdanza do ADN mitocondrial inusual, descrito por David Skibinski, da Universidade de Swansea, na década de 1990. Precisamente, este investigador foi o encargado de impartir o primeiro relatorio científico da xornada, tras a intervención de Antonio Villanueva, subdirector da Ecimat, para presentar o centro, recentemente incluído no “consorcio máis importante e ambicioso de centros de recursos biolóxicos mariños europeo (EMBRC)”, lembrada.

Estas sete ponencias compleméntanse con cinco charlas, que foron escollidas entre os resumos de traballos enviados polos investigadores e investigadoras asistentes, e cunha sesión de presentacións en formato póster. Esta primeira xornada deixa tamén o anuncio dunha segunda edición do congreso, que terá lugar en Francia o vindeiro ano, segundo confirmou Nicolas Bierne, da Universidade de Montpellier. Na xornada de mañá xoves o participantes no congreso desprazaránse ás Illas Cíes.

Fonte:

Duvi

Imaxe destacada:

© Suso Framil

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...