O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, MUNCYT, da Coruña inaugurou o pasado xoves 28 de xullo a exposición Fotciencia13. A mostra recolle as fotografías gañadoras da décimo terceira edición do certame de fotografía científica Fotciencia así como unha selección doutras 49 imaxes presentadas ao concurso. Este certame está organizado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en colaboración coa Fundación Jesús Serra.
Fotciencia é un concurso cuxo obxectivo é achegar a ciencia á cidadanía a través de imaxes que abordan cuestións científicas desde unha visión artística e estética.
Os visitantes poderán contemplar 49 fotografías seleccionadas entre as máis de 700 que se presentaron ao concurso, de temática moi dispar e que se agrupan en dúas categorías: Xeneral e Micro. A exposición, que poderá visitarse no MUNCYT até o 4 de setembro, préstase de forma gratuíta ás entidades interesadas que a soliciten. Así, durante 2016 percorrerá diferentes salas e centros expositivos. O vídeo coas imaxes gañadoras e toda a información relativa ao concurso están dispoñibles na web www.fotciencia.es.
Imaxe destacada: Recolectoras de argán, by Eduardo Rivas Muñoz