O concello de Moaña, Campus do Mar e o GALP 7 promoven esta iniciativa de emprendemento local
O programa Empreamar selecciona as seis ideas de negocio que pasarán á fase de incubación
Os proxectos apostan polo turismo, as TIC, a reciclaxe, a planificación territorial ou a cosmética
Turismo mariñeiro, hostelaría, novas tecnoloxías, reciclaxe de refugallos da industria pesqueira, planificación territorial e cosmética vertebran os seis proxectos seleccionados para a fase final do programa de emprendemento mariño e marítimo Empreamar. Esta iniciativa aposta polo aproveitamento sostible dos recursos mariños, nesta edición na área de Moaña e , tras as primeiras fases de formación e de identificación de ideas de negocio sostibles, este martes o tribunal do programa elixiu os seis proxectos de negocio que pasarán á derradeira fase, a de preincubación.
Esta iniciativa, impulsada polo Campus do Mar, o concello de Moaña e o Grupo de Acción de Acción Local do sector pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, diríxese a emprendedores locais, maioritariamente desempregados, do sector da pesca e do mar, proporcionando asesoramento, titorización e apoio financeiro e de infraestruturas para estimular a creación de novas empresas sostibles no sector da pesca. O tribunal, composto por Elena Herbello, xerente do GALP7; Coral Ríos, concelleira de Promoción Económica e Turismo do concello de Moaña; Cristina Quelle, coordinadora da Área de Transferencia do Campus do Mar; Carlos Ferro, profesor da Universidade de Vigo especialista en emprendemento e desenvolvemento empresarial e Jacobo García Durán, director de ViaVigo e especialista en emprendemento, valorou os dez proxectos presentados, seguindo criterios como a viabilidade técnica e económica, o carácter innovador, a sustentabilidade ou o impacto potencial no territorio, entre outros.
As e os membros do tribunal destacaron a calidade das ideas presentadas e valoraron moi positivamente o esforzo, creatividade e motivación das persoas participantes no programa. A partir de agora e ata febreiro de 2018, os proxectos gozarán dun espazo de traballo, de titorización para a redacción dos seus plans de negocio e, a través do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar, de asesoramento científico- técnico nas liñas relacionadas cos seus proxectos de negocio, da man de persoal especialista do ecosistema da I+D+i mariña de Galicia.
As seis propostas seleccionadas
A fase catro do programa Empreamar, de preincubación, dará acubillo a seis proxectos seleccionados entre as propostas das 25 persoas participantes na fase previa de formación. O tribunal seleccionou A Galera Mariñeira, unha iniciativa de turismo mariñeiro e hostaleira; Mar reutilizable, unha proposta que buscará o aproveitamento e segunda vida para materiais de refugallo da actividade pesqueira; Smart Motor, un proxecto que explorará a utilización de novas tecnoloxías para a mellora e optimización do funcionamento de motores náuticos; Hostel Real, que propón a posta en marcha dun hostel turístico en Moaña; Consultoría SIX, iniciativa especializada no asesoramento na planificación territorial coa axuda de ferramentas informáticas e Polyana Cosmética, proxecto de elaboración de produtos cosméticos artesanais con ingredientes mariños.
A edición de Empreamar en Moaña toma a remuda dunha primeira celebración, que arrancou en 2014 no territorio do GAC 4, nas vilas de Carnota e Porto do Son. Nela participaron 30 persoas da contorna, na súa maioría desempregadas, co obxectivo de converter as súas ideas emprendedoras nunha realidade. O programa deu os seus froitos, con oito empresas que desenvolven a súa actividade en diferentes eidos relacionados co mar.
Tamén che poden interesar as seguintes entradas:
O concello de Moaña e o Campus do Mar buscan vocacións emprendedoras ligadas ao medio mariño
25 persoas apostan en Moaña polo emprendemento mariño no programa Empreamar