O que o feminismo pode achegar á ecoloxía para crear un mundo mellor

Portada » O Parque Nacional » O que o feminismo pode achegar á ecoloxía para crear un mundo mellor

Feb 21, 2017 | ACTUALIDADE

Alicia Puleo falou este luns no campus sobre os nexos entre os dous movementos

O que o feminismo pode achegar á ecoloxía para crear un mundo mellor

A docente reivindicou unha educación ambiental tamén de carácter emocional

Rosa Tedín | Ourense
Alicia Puleo, profesora de Filosofía da Universidade de Valladolid que investiga sobre a relación entre feminismo e ética ecolóxica, achegouse este luns ao campus de Ourense para falar de ecofeminismo, eido no que é considerada un referente no ámbito estatal. Durante a súa intervención ante un público formado fundamentalmente por alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, a docente analizou como o movemento feminista pode enriquecer a ecoloxía, reivindicando, entre outras cuestións, a visibilización do papel das mulleres nel e unha educación ambiental baseada non só nos datos senón tamén nas emocións.

Unha abordaxe “necesaria”

A conferencia, titulada Ecofeminismo e educación ecolóxica, enmarcouse na segunda edición no campus de Ourense do ciclo de conferencias Unha mirada de xénero, unha actividade patrocinada pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e organizada polas profesoras María Álvarez Lires e Purificación Mayobre. Durante a presentación de Alicia Puleo, Purificación Mayobre salientou como a temática elixida para a súa intervención constitúe “unha temática moi necesaria” xa que, advertiu, coa crise económica téñense “degradado” tanto os dereitos da muller como o coidado da natureza, apuntando os efectos negativos que teñen sobre ambas cuestións acontecementos como a elección de Donald Trump como presidente dos Estados Unidos.

feminismo 2

A cita contou coa asistencia de numeros alumnado da Facultade de Ciencias da Educación

Segundo explicou Alicia Puleo, membro da Cátedra de Estudos de Xénero da Universidade de Valladolid e do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid, o obxectivo da súa intervención foi “explicar en que consiste o ecofeminismo, unha corrente do feminismo bastante innovadora e de desenvolvemento actual”. A docente definiu o ecofeminismo como o encontro entre o pensamento e a práctica feminista e o pensamento e a práctica ecoloxista, tendo en conta o feminismo como unha teoría e un movemento que acumula un longo percorrido desde o seu nacemento a finais do século XVII e o ecoloxismo como un fenómeno máis recente na historia. “Esta unión é unha unión que enriquece a ambos puntos de vista xa que achega algo de cada lado. É un enriquecemento mutuo”, recalcou Alicia Puleo sobre o ecofeminismo.

Por unha nova educación ambiental

A intervención desta experta no campus de Ourense, tendo en conta que se produciu na Facultade de Ciencias da Educación, estivo centrada no eido da relación entre ecofeminismo e educación ambiental. “É importante suscitar a reflexión sobre que é o que nos pode dicir o ecofeminismo á hora de examinar a educación ambiental, sobre como se pode mellorar este movemento tendo en conta que necesitamos imperiosamente un cambio na concienciación cidadá e na actuación dos estados”, dixo. Buscando respostas a estas preguntas, Alicia Puleo explicou como o ecofeminismo pode axudar a sinalar que deficiencias se detectan na educación ambiental actual, en xeral, e indicar que é o que se pode agregar desde o feminismo para mellorala.

Fundamentalmente, detallou a docente, a educación ambiental na actualidade, salvo excepcións, “está dirixida a impartir información, cifras que se supoñen científicas”. Trátase, afirmou, dunha formación reducida á información de datos, evitando o que algúns autores chaman “sentimentalismos”. Neste contexto, indicou Puleo, hai que preguntarse se iso que chaman sentimentalismos non é “un prexuízo androcéntrico, que considera que calquera emoción referida á natureza cae dentro do que foi desvalorizado porque ten sido feminizado”. A educación ambiental, recalcou, “ten que converterse nunha educación emocional que una o científico co emocional. Hai que educar os sentimentos morais cara a natureza”. A docente reivindicou “unha revolución do coidado, neste caso o coidado da natureza, como un valor adxudicado ás mulleres pero que temos que compartir homes e mulleres”. Alén deste cambio de enfoque, a docente tamén subliñou a importancia de “dar máis visibilización á acción ecoloxista das mulleres, tanto das mulleres que protagonizan a acción diaria como as grandes ecoloxistas, que as hai”.

“O exceso, o perder a mesura e crerse tan poderosos como os deuses”, recalcou a profesora, teñen provocado un dos grandes problemas da sociedade actual, a crise ecolóxica. “Unha civilización baseada no continuo crecemento nun planeta con recursos finitos é unha contradición”, afirmou a docente, que recalcou como a civilización está próxima ao colapso e a unha crise ambiental que vai ser tamén “económica, social e política e marcada pola loita polos recursos naturais”. “Non é unha hipótese catastrofista, é unha realidade”, advertiu. Neste contexto, subliñou, “é necesaria unha educación ecolóxica que atendan ás achegas do ecofeminismo”.

Imaxe destacada:

Alicia Puleo, profesora de Filosofía da Universidade de Valladolid que investiga sobre a relación entre feminismo e ética ecolóxica, falou este luns no campus de Ourense

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos