Ruta Marítima do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo

Portada » O Parque Nacional » Ruta Marítima do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo

Mai 28, 2016 | ACTUALIDADE

Ruta Marítima do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo

Mércores día 1 de Xuño ás 19:00 Horas

Logidigal, Fundación Clúster de conservación de Produtos do Mar e a Asociación Galega do Patrimonio Industrial (Buxa) promoven unha ruta marítima guiada o próximo día 1 de xuño ás 19:00 horas, partindo do Porto de Vigo para dar a coñecer o patrimonio industrial da ría.

Actualmente, Vigo é un dos centros industriais e comerciais máis importantes do país, pois conta co principal porto transatlántico e o primeiro porto pesqueiro da Península. A maiores deste presente boiante, a súa contorna tamén conta cun patrimonio material e inmaterial vinculado á actividade industrial cunha importancia histórica que dá fe da súa tradición industrial e da súa relación directa co mar.
A ría de Vigo pode presumir dun gran patrimonio material e inmaterial industrial, que non ten aínda o grao de coñecemento e recoñecemento que pola súa importancia histórica merecería. Actividades tan variadas e identificadoras como a pesca, a industria da salgadura e conservas de peixes e mariscos, carpintaría de ribeira e construción naval, extracción e transporte de minerais, entre outras, son o denominador común nesta contorna, que se interrelacionan entre elas, e da súa estreita relación co mar e as actividades portuarias, ben por ser o mar a fonte das súas materias primas, ou o medio de transporte destas cara aos seus consumidores ou clientes, o que deixou unhas pegadas que son aínda observables na paisaxe da ría.
Para contribuír e pór en valor esta paisaxe tan específica, organízase esta actividade, na que, acompañados e guiados por D. Manuel Lara, Presidente da Asociación do Patrimonio Industrial Galego (Buxa) faremos un percorrido en catamarán que permitirá observar e comentar a historia industrial da ría a través de elementos tan característicos como cargaderos de minerais, antigas canteiras, conserveiras e fábricas de salgadura, fornos de cal,
salinas abandonadas, estaleiros de ribeira reconvertidos en puxantes estaleiros industriais.
Esta actividade impulsada polas Asociacións: Logidigal, Fundación Clúster de conservación de Produtos do Mar (Museo Anfaco) e Buxa, conta co apoio de empresas como Jealsa S.A., Connorsa SA, Xusto López Valcárcel, S.A, Conservas Cerqueira, S.A., Frinsa do Noroeste S.A., cuxos produtos se degustarán durante a ruta.
A ruta ten un prezo de 10,00 euros por persoa, e o embarque e desembarque terá lugar nos peiraos da Estación Marítima de Vigo (detrás do Club Náutico). Terá unha duración aproximada de 2 horas. A reserva para todos os interesados en participar debe facerse a través do mail comercial1@piratasdenabia.com.

RUTA-INDUSTRIAL-min

Imaxe destacada:

Paco Álvarez

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos