Titulados en Ciencias do Mar, eses grandes descoñecidos

Portada » O Parque Nacional » Titulados en Ciencias do Mar, eses grandes descoñecidos

Abr 28, 2017 | CIENCIA

A Facultade organiza unha xornada de difusión das competencias profesionais

Titulados en Ciencias do Mar, eses grandes descoñecidos

Egresadas e egresados que traballan no estranxeiro e en Galicia achegarán a súa experiencia

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Os máis de 25 anos de existencia, primeiro da licenciatura e posteriormente do grao en Ciencias do Mar, aínda non foron suficientes para que, sobre todo en España, as e os profesionais saídos das aulas das seis universidades onde se imparten estes estudos conten co coñecemento e recoñecemento social e profesional do que si gozan en moitos outros países. É así que en EEUU, Australia, Canadá ou Italia desenvolven a súa actividade varios profesionais que cursaron os seus estudos na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, tituladas e titulados que o vindeiro 5 de maio volverán, ben de xeito presencial, ben de xeito virtual, ao centro, para relatar a súa experiencia en organismos e empresas como a NASA, a Universidade de Sydney ou ExxonMobile. Baixo o título Oceanógrafos polo mundo, a Facultade de Ciencias do Mar organiza unha xornada de presentación de profesionais no ámbito mariño, co obxectivo de dar a coñecer, a través das testemuñas de varias egresadas e egresados, cales son as súas competencias laborais principais e as habilidades transversais que lles converteron en profesionais recoñecidos.

cm 2A vicedecana Ana Bernabeu

“Xunto á mocidade da titulación e ao número reducido de facultades que a imparten, a falta de comprensión respecto ao obxectivo formativo dun egresado en Ciencias do Mar, xustifican o descoñecemento destes titulados”, explica a vicedecana Ana Bernabeu, que destaca que unha egresada ou egresado en Ciencias do Mar finaliza os seus estudos cun coñecemento multidisciplinar do medio mariño, que lle permite interrelacionar conceptos de diferentes ámbitos, para enfrontar problemas e achegar solucións. “Os nosos titulados teñen un papel fundamental na xestión e coordinación de equipos formados por titulados de todas as ramas das ciencias que desempeñan o seu traballo no medio mariño. Non existe competencia con estes titulados senón complementariedade”, asegura Bernabeu.

Da busca de vida extraterrestre á exploración de novos recursos petrolíferos

Na xornada do vindeiro 5 de maio as e os egresados que achegarán as súas experiencias profesionais serán o científico da NASA Ames Research Center Exobiology Branch Alfonso Fernández Davila; as docentes e investigadoras das universidades de California e Sydney, Ana García García e Ana Vila Concejo, respectivamente; o responsable de Exploración en ExxonMobil, Carlos Alberto Fernández Ferrín; a responsable de proxectos no centro de I+D Ocean Networks de Canadá, Tania Lado Ínsua; a investigadora do Isituto di Scienze Marina de Génova_Ismar Noelia Estévez Calvar; o director do Departamento de Sostenibilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana Langarón e os científicos do Instituto Español de Oceanografía da Coruña Marta Álvarez Rodríguez e Miguel Gil Coto, respectivamente. “Temos titulados en Ciencias do Mar liderando programas de busca de vida extraterrestre; explorando novos recursos petrolíferos por medio mundo; estudando os mares para propoñer formas de protección ambiental e importantes docentes e investigadores en universidades e centros de investigación punteiros”, detalla Ana Bernabeu, que destaca a iniciativa e capacidade de adaptación e de traballo das tituladas e titulados saídos das aulas do centro e aos que define como “un mar de persoas”.

A xornada do vindeiro 5 de maio, que será inaugurada polo reitor da Universidade de Vigo e a conselleira do Mar e na que tamén se desenvolverá unha mesa redonda sobre competencias e habilidades dos profesionais en Ciencias do Mar, insírese, segundo a vicedecana no obxectivo de difusión da titulación no que están a traballar. “Desde a Facultade formulámonos como obxectivo prioritario dos próximos anos, a difusión da titulación en todos os foros posibles. Así, durante o curso 2016-2017, a celebración do 25 aniversario permitiunos organizar distintos actos que achegaron estes estudos á sociedade viguesa, ao tempo que realizamos un labor intensivo de promoción entre os estudantes de Bacharelato”, explica Ana Bernabeu, que tamén destaca os esforzos da Asociación de Oceanógrafos de Galicia e a Federación de Oceanógrafos Nacional na promoción e defensa desta titulación.

A xornada desenvolverase no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais entre as 9.30 e as 14.00 horas.

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

É Galicia un país de quenllas?

É Galicia un país de quenllas?

Dende o ano 2013 seguiuse e analizado a inusual presenza de xuvenís de tintoreras ou quenlla azul (Prionace glauca) na costa galega durante o período estival, sendo o ano 2018 no que se rexistrou un maior número de citas chegando a 123 eventos correspondentes a máis...