Un concurso fotográfico que plasma o problema do microplástico nos ecosistemas mariños

Portada » O Parque Nacional » Un concurso fotográfico que plasma o problema do microplástico nos ecosistemas mariños

Feb 2, 2017 | ACTUALIDADE

O premio está convocado polo proxecto ‘Ephemare’ do que a Universidade é socio principal

Un concurso fotográfico que plasma o problema do microplástico nos ecosistemas mariños

O prazo para inscribirse remata o 28 de abril

Duvi | Vigo
No noso día a día estamos rodeados de plásticos: bolsas, botellas, bolígrafos e embalaxes son parte desta lista interminable. Non obstante, usamos outros diariamente, os chamados microplásticos, que están presentes no xabón, na pasta dentífrica ou nos exfoliantes e que presentan un grave problema para os océanos e para nós mesmos xa que van polo sumidoiro e a maioría remata no mar. Co obxectivo de investigar os efectos tóxicos dos microplásticos nos organismos mariños o proxecto europeo Ephemare – Ecotoxicological effects of microplastics in marine ecosystems –, do que a Universidade de Vigo é o socio principal, convoca o Impact 2017, un concurso internacional de fotografía que busca darlle visibilidade á problemática dos microplásticos no medio mariño.

A través desta convocatoria quérese concienciar ao estudantado sobre o grave problema que representan estes residuos nas nosas augas e, deste modo, facelo partícipe e coñecedor dos efectos negativos que, tanto para os océanos como para o ser humano, teñen. No concurso poderán participar todas as persoas que estuden nas universidades de España, Francia, Alemaña, Portugal, Bélxica, Suecia, Noruega e Irlanda que traballan en Ephemare e o único requisito é usar a fotografía como medio para expresar o propio punto de vista sobre este problema. Ao certame poderán concorrer todos os formatos de fotografía e tamén se poderán usar ferramentas para mellorar a imaxe.

Datas de presentación e requisitos

As persoas interesadas en participar no concurso deberán rexistrarse por correo electrónico na seguinte dirección elle.macmahon@ucc.ie antes do 28 de abril. O prazo de presentación das fotos estará aberto ata o 31 de maio e o 12 de xuño anunciaranse as gañadoras e gañadores. Na presentación online da peza deberase declarar que non se empregou material con dereitos de autor e que concede os dereitos da fotografía a Ephemare para o seu uso.

As obras finais deben entregarse en alta resolución, adecuada para imprimir nun tamaño máximo de A2, cun mínimo de 300 puntos por polgadas e en formato PNG.

Premios e proceso

Os galardóns que se outorgarán para as tres fotos gañadoras constan de tres achegas económicas: 500€ para o primeiro premio e 250€ para o segundo e o terceiro. Ademais as imaxes gañadoras estarán expostas nunha das reunións do proxecto.

Para outorgar os premios as obras presentadas serán avaliadas e cualificadas segundo os seguintes criterios: a adecuación ao tema; que se comunique de maneira clara e científica a mensaxe e que a imaxe que se tente transmitir sexa relevante e de impacto. Tamén se valorará a creatividade e a orixinalidade en xeral da obra enviada e a calidade da presentación en termos artísticos e visuais. A elección das tres fotos gañadoras será decisión dun xurado e dunha votación pública.

Fai click sobre a imaxe para a poder ampliar:

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos