Un espectáculo de monicreques amosa a nenos e nenas o impacto que os plásticos teñen nos océanos

Portada » O Parque Nacional » Un espectáculo de monicreques amosa a nenos e nenas o impacto que os plásticos teñen nos océanos

Feb 17, 2017 | ACTUALIDADE

O proxecto PEPO, impulsado por unha investigadora de Ciencias do Mar, desenvolverase en sete colexios

Un espectáculo de monicreques amosa a nenos e nenas o impacto que os plásticos teñen nos océanos

Os protagonistas, Planki e Tonki, que loitan contra Plastikeitor para eliminar o lixo do mar

Duvi | Vigo
Planki e Tonki son dous microorganismos do plancto mariño. O seu inimigo é Plastikeitor, o mostro do lixo de plástico dos océanos. Da súa vitoria depende a supervivencia dos ecosistemas mariños, dos animais que os habitan e do equilibrio do planeta. Estes tres personaxes son os protagonista do proxecto de divulgación científica PEPO, que nas vindeiras semanas achegará aos estudantes de Educación Infantil de varios colexios de Vigo a problemática da contaminación que os plásticos provocan no océanos. Trátase dunha iniciativa posta en marcha por María Aranguren, estudante de posdoutoramento da Facultade de Ciencias do Mar, e financiada pola Asociación Internacional para la Investigación de Limnología y Oceanografía (ASLO) e conta coa colaboración da Vicerreitoría de Relacións Internacionais e Extensión Universitaria e a Asociación Oceanógrafos de Galicia. Xunto con ela, que exerce de guionista, compositora e manipuladora de marionetas, participan Guy Bobillo de Títeres en tu Casa, músico, compositor, intérprete, guionista, construtor e manipulador de monicreques e escenografías e Nora Aranguren, como asesora en contido educativo.

O proxecto botou a andar este xoves pasado no colexio EEI Rúa Hernán Cortés e ao longo dos meses de febreiro e marzo pasará por outros seis centros da cidade. Este espectáculo de marionetas ten unha duración aproximada dunha hora e comprende dúas partes. A primeira delas conta a historia dos monicreques Planki e Tonki e con ela, explica María Aranguren, “queremos transmitir a mensaxe de que os plásticos no mar fan dano aos animais, e que nós, as persoas, somos os responsables de evitar que iso pase, reciclando os nosos plásticos”. A doutora María e o doutor Guy son científicos do mar que, a través do seu microscopio descobren a estes dous organismos do plancto, Planki e Tonki, que recollendo o plástico do mar e reciclando loitan contra “o malvado Plastikeitor, o mostro do lixo de plástico. Na segunda parte da actividade, os nenos e nenas aprenderán a crear un moneco ou marioneta empregando unha botella de plástico que os rapaces e rapazas trouxeron da casa que se converterá nun organismos do plancto.

Educación ambiental dende a infancia

Aranguren explica que levaba tempo dándolle voltas á idea de poñer en marcha esta iniciativa, “porque creo firmemente na importancia de educar aos nenos desde moi pequenos para que as próximas xeracións coiden mellor ca nós do medio mariño”. O proxecto de unir a súa experiencia científica e divulgadora coa traxectoria de Guy, porque “ocorréuseme que as marionetas eran a vía perfecta para facer da mensaxe educativa unha actividade divertida para nenos pequenos” e, de feito, para ela é o primeiro achegamento ao mundo dos monicreques e para el o primeiro á divulgación da ciencia. A convocatoria da asociación ASLO de proxectos de divulgación deulles a oportunidade de converter a idea nunha realidade que ser espallará polos colexios de Vigo en vindeiras datas. A segunda cita será este venres 17 no CEIP Sárdoma-Moledo.

monicreques

Guy e María, cos monicreques do proxecto

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos