Unha andaina por Salcedo para comezar con bo pé o novo ano

Portada » O Parque Nacional » Unha andaina por Salcedo para comezar con bo pé o novo ano

Xan 11, 2017 | ACTUALIDADE

Este sábado retómase a programación de rutas culturais da Universidade de Vigo

Unha andaina por Salcedo para comezar con bo pé o novo ano

Neste segundo cuadrimestre celebraranse sete percorridos pola xeografía galega

Duvi | Ourense
Despois dos excesos típicos das festas Nadal, é momento de volver a retomar a actividade física. A programación de rutas culturais que cada curso organiza a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo arranca 2017 este sábado, día 14 de xaneiro, coa Ruta Salcedo no Tempo. Esta andaina é unha das iniciativas do proxecto de dinamización do espazo etnográfico e arqueolóxico que se está levando a cabo no Val de Tomeza e Salcedo e que ten como obxectivo a recuperación, divulgación e dinamización do patrimonio deste enclave. A organizacion agarda a participación de entre 60 e 70 persoas procedentes dos tres campus da Universidade de Vigo.

Cunha dificultade baixa e 15 quilómetros de traxecto, os participantes seguirán o itinerario Pontevedra, San Martiño de Salcedo, castro das Croas, muíños e petróglifos do Outeiro, A Esculca, muíños da Cancela e Pontevedra. “Será un percorrido para despois do turrón comezar a rodar de novo, pois levamos un mes sen realizar andainas”, explica José García-Calvo, Willy, coordinador dos roteiros universitarios. Con este obxectivo, a ruta elixida, engade, “é moi suave e sen sobresaltos” e no seu percorrido, caracterizado por unha paisaxe de monte baixo, os participantes pasarán polo Camiño Portugués. Con esta proposta iniciaráse a programación 2017 dos roteiros culturais, que neste segundo cuadrimestre incluirán sete rutas, entre elas unha fin de semana no Parque Natural da Serra do Xurés e a realización da terceira etapa do Camiño de Santiago a Fisterra.

salcedo-2Neste segundo cuadrimestre celebraranse sete percorridos pola xeografía galega

A matrícula en cada un dos percorridos pode facerse en liña dende 15 días antes da ruta e ata o xoves anterior á súa celebración. As tarifas varían en función da tipoloxía de público e do número de rutas que se queiran facer, sendo o prezo dunha andaina de dez euros para os membros da comunidade universitaria e de 15 para as persoas allea a ela e habendo bonos para cinco e once rutas. Concederánse 7,5 horas ECTS por cada ruta dun día de duración e 15 horas ECTS polas de dous días de duración. Haberá autobuses para trasladar aos participantes ao inicio de cada ruta dende os campus de Ourense, Pontevedra e Vigo. Nesta ocasión, a saída desde o campus de Ourense é ás 09.00 h.

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos