Unha aplicación móbil permitirá mellorar a xestión da explotación da navalla na ría de Vigo

Portada » O Parque Nacional » Unha aplicación móbil permitirá mellorar a xestión da explotación da navalla na ría de Vigo

Nov 6, 2017 | ACTUALIDADE

A Universidade e a Consellería do Mar asinaron este luns un convenio de colaboración

Unha aplicación móbil permitirá mellorar a xestión da explotación da navalla na ría de Vigo

Basearase en información biolóxica obtida de forma continua e axudará a reducir os períodos de peche dos bancos

M. Del Río | Vigo

A navalla é un marisco bivalvo que, aínda que no pasado apenas tiña valor, na actualidade tense convertido nun recurso de alto valor comercial. Os cambios no modelo extractivo fan preciso avanzar no coñecemento sobre o seu ciclo reprodutivo e a súa variabilidade espacial para mellorar a xestión e facer deste sector un modelo sustentable. Este é o obxectivo do proxecto de investigación que arrancará na ría de Vigo da man da Universidade e da Consellería do Mar. O reitor, Salustiano Mato, e a conselleira, Rosa Quintana, asinaron este luns un convenio de colaboración que permitirá traballar de xeito conxunto á comunidade científica co sector e a administración. O obxectivo deste proxecto é dar soporte á xestión da pesqueira da navalla, estudando a heteroxeneidade espacial na reprodución e a distribución do stock e os métodos de estudo e visualización do estado dos bancos sinxelos. A finalidade é promover un método de explotación baseado en información biolóxica obtida de forma continua que se recollerá nunha aplicación informática e permitirá reducir os períodos de peche e os descartes de exemplares.

A investigación, cun orzamento de 166.000 e vixente ata agosto do ano 2020, estudará a variabilidade do ciclo reprodutivo, talla da primeira posta e crecemento na navalla na ría viguesa, dende os bancos máis interiores como o de Rande ata os máis exteriores, nas illas Cíes. O reitor da Universidade destacou a importancia deste acordo porque “permite que o persoal científico da Universidade traballe da man da administración e achegue os seus coñecementos ao mundo real” e remarcou o papel tanto do Campus do Mar, como o Centro Singular de Investigación Mariña-Ecimat e Centro Singular de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, que serán os organismos participantes, xunto co Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Todos eles traballarán da man das confrarías que están explotando a navalla na ría de Vigo, que reúnen 52 embarcación e 78 mergulladores.

Información recollida e dispoñible a tempo real

Os científicos estudaran a variabilidade temporal e espacial do ciclo reprodutivo da navalla durante dous anos nos bancos marisqueiros de Barra, Cabo de Mar, Cabanas e Moaña, o estado xeral do recurso, a talla de primeira madurez nun banco externo da ría de Vigo e a fecundidade do recurso por talla. “A información biolóxica será recollida polos mergulladores e polas asistencias técnicas das confrarías, que serán os encargados de introducir eses datos na aplicación”, como detallaba Alba Hernández, técnica da Ecimat. Así, contarase con coñecementos en tempo real que permitan, como explicaba a conselleira, “maior axilidade na toma de decisións para a xestión deste recurso”.

Do deseño da ferramenta informática encargaranse expertos de atlanTTic. Como explica Francisco Javier González Castaño, director do Grupo de Tecnoloxías da Información, tomarán os resultados da Ecimat e a experiencia de campo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) para “converter os seus resultados nunha aplicación móbil de análise de datos que permita que os mariscadores poidan identificar o mellor momento para realizar o seu labor”. A través desta ferramenta, que se poderá empregar tanto dende os teléfonos como dende os equipos de sobremesa, os traballadores poderán coñecer o estado do recurso nos distintos bancos marisqueiros e reducir os períodos de peche dos bancos de navalla e os descartes de exemplares. Neste sentido, o reitor explicaba que “é importante non extraer navalla no período de ruptura, o período máis importante do seu ciclo de vida, o da madurez gonadal, por un lado, porque é un período crítico para a especie e, por outro, porque esas rupturas reducen o valor comercial das capturas”.

Estudo previo na ría de Pontevedra

Alba Hernández, técnica da Ecimat, explicaba na rolda de prensa que este proxecto nace dun estudo científico previo desenvolvido na ría de Pontevedra coa confraría de Bueu, no que se comprobou que “existe un desprazamento do ciclo gonadal entre a parte interna e externa do banco, xa que a navalla madura antes no interior ca no exterior da ría”. Contando con esta información actualizada, que obterían da aplicación informática, os mergulladores “poderíanse ir desprazando polos bancos segundo o estado de madurez da especie” evitando a captura de exemplares en período de ruptura. Isto permitirá reducir ou evitar as vedas e peches totais dos bancos e, de feito, neste estudo previo “conseguiuse reducir a veda de dous meses a un mes”.

Metodoloxías con datos limitados

Outra das partes do proxecto será coordinada polo científico Gonzalo Macho, do grupo de Ecoloxía dos Recursos Marisqueiros, que se encargará de avaliar o estado do recurso empregando diferentes metodoloxías apropiadas para pescarías con datos limitados, como son as pesqueiras tradicionais. Probaranse métodos baseados nos parámetros do ciclo de vida, nas capturas ou nas tallas de capturas. Estes modelos empregan teorías científicas comprobadas e precisan poucos datos para coñecer o estado do stock, a abundancia, a dinámica ao longo dos anos, etc. Trátase dun modelo, como engadía Hernández, “que se están empregando na FAO e noutros organismos mundiais, pero que nunca se introduciu en Galicia, polo que se probará a súa eficiencia no sector da navalla e avaliarase a posibilidade de aplicarse a outras especies”.

Imaxe destacada: © Paco Álvarez

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos