Xacemento romano de Canexol. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4

Portada » O Parque Nacional » Xacemento romano de Canexol. Os seus lugares. “Ons: unha illa habitada”. Capítulo 4

Feb 22, 2017 | BIBLIOGRAFÍA, HISTORIA

Ons: unha illa habitada · Paula Ballesteros-Arias e Cristina Sánchez-Carretero

CAPÍTULO 4 (II)

Os seus lugares

Xacemento romano de Canexol

Posible manufactura de salgadura de peixe, localizada ao longo do perfil da enseada de Canexol e intimamente relacionada coa actividade pesqueira e comercial da illa co resto das illas e co o continente (Ballesteros-Arias 2009) onde son moi abundantes (Suárez Piñeiro 2003). Polas estruturas documentadas e polos materiais construtivos e cerámicos que aparecen, este xacemento arqueolóxico pertence a época romana.

Entre a vexetación, que cubre parte do perfil, distinguimos diferentes estruturas, entre as que destacamos de norte a sur unha fosa en forma de “U” de uso descoñecido. A seguinte estrutura que se aprecia correspóndese con parte dun muro feito con mampostos de granito coas súas caras escuadradas. Entre os horizontes naturais do solo, pódese distinguir, unha especie de cimentación, realizada cunha argamasa a base de seixo e cal duns 3 / 4 cm de grosor e que está presente en case todo o perfil estratigráfico do areal. Máis ao sur, distínguense unhas laxes de granito, dispostas de xeito horizontal, a modo de pontella, aínda que o seu oco está recheo de cachotes de pedra granítica e de cantos rodados.

A partir desta estrutura, cara ao sur, é onde se atopan os vestixios máis visibles deste xacemento, os máis evidentes para poder vincular este lugar cunha factoría de salgadura de peixe. Sobre o horizonte natural de xabre regularizado, disponse un leito de cantos rodados e pedras de formas irregulares tendentes a forma cuadrangular. Sobre este leito, levántanse tres muros paralelos distantes uns dos outros 1,5 m aproximadamente. Son muros de dobre cara, compostos por pedras de granito de formas cuadrangulares e pouco grosor, dispostas unhas enriba das outras a modo de lousetas. A base e a parte interior dos muros teñen un revestimento composto por un morteiro realizado a base de seixo moi fragmentado e cal, compactado e aprisionado, xa aparece caracterizado en tramos anteriores. É o chamado opus signinum, morteiro utilizado para impermeabilizar construcións relacionadas con estruturas hidráulicas como canais, estanques, cisternas, piscinas, etc… De feito, o seixo está composto por dióxido de silíceo que funciona como un desecante natural, illante da humidade no lugar no que se atopa.

Polo que se pode aprezar, e por comparación co rexistro arqueolóxico documentado noutros xacementos de similares características, parece que estes muros formarían parte dunhas pías para a salgadura do peixe. Cada unha destas estruturas aparecen colmatadas por pedras, tégulas (tellas planas de reborde) e ímbrices (tellas curvas) en diferente grao de rodamento e fragmentación, carbóns de diferentes tamaños, ósos procedentes de mamíferos e de peixes, pudendo ser froito tanto do seu antigo uso mesturado cos derrubes ou/ e da amortizacións destas estruturas como vertedoiro. Sobre estas estruturas distínguese un amplo paquete de terra non moi orgánica e de gran fino de características similares ao que aparece selando a fosa que se describiu en primeiro lugar, o que leva a pensar que parece que foi depositado todo ao mesmo tempo coa intención de cubrir estes diferentes elementos construtivos e aplanar o terreo para darlle un novo uso.

De modo aclaratorio, os materiais de cubrición, tégulas e ímbrices, que aparecen neste xacemento son sinais evidentes de romanidade xa que o seu uso desaparece a principios da Idade Media sendo sustituídos pola cobertura realizada só con imbrices dispostos en fiadas paralelas e alternando o dereito e o revés, sistema que perdura ata hoxe. Por outra banda, a tégula non só foi utilizada para a cuberta senón que tamén foi utilizada para pavimentos, canalizacións, tumbas, etc., funcións que se alongaron no tempo xa que aparecen tamén en rexistros altomedievais.

Imaxe destacada:

Detalle da cimentación revestida co opus signinum

© CSIC

Se dispón de conexión a internet, recomendámoslle que consulte o vídeo “Ons: mar, terra e identidade” a través deste enlace

Título: Ons: unha illa habitada

Autor: Ballesteros-Arias, Paula ; Sánchez-Carretero, Cristina

Dispoñibilidade: Descarga gratuita en Apple

Ler tamén: Ons: unha illa habitada

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Area de Nosa Señora, Cíes. Anos 20

Excursionistas, bañistas e gamelas na praia de Nosa Señora ou do Chuco. Este areal está situado fronte ao illote dos Viños na illa do Medio ou Montefaro do arquipélago das illas Cíes. Premer sobre a imaxe para a poder ampliar: [gallery columns="1" size="full"...