Xosé Guillermo, entrañable amigo, artista difícil de clasificar, empezou a súa andaina profesional en 1967, aos vinte anos. Experimentou múltiples linguaxes, técnicas e soportes completando unha obra moi prolífica a medio camiño entre o informalismo distópico e as representacións exuberantes da natureza e o ser humano en clave de ensoño mitolóxico. Pintor de cores vivas, de raíz fauvista, expresión da forte compoñente sentimental, foi especialmente sensible aos mundos mariños que o arrouparon dende neno.
Fillo da ditadura, amou a liberdade e o desexo de expandir horizontes, o que o levaría a numerosas viaxes por México, Nicaragua, Guatemala, Brasil, a India, Mali, Mauritania, o Sahara… sempre na procura da poboación indíxena, viaxes que legaron creacións en moitos casos próximas á arte deses pobos, cos que conviviu e se solidarizou, sempre na boa compaña da inseparable Maruchi Blanco.
Pero se unha obra súa é especialmente trascendente esta é a creación da Fundición Nautilus, obradoiro artesanal no que, en diferentes momentos, traballaron centenares de persoas da cidade -unha auténtica democratización da arte- e do que saíron instalacións urbanas como Azul mariño ou Vigo Preamar, cuxa reportaxe foi publicada anteriormente neste portal.
En setembro de 2008 a Casa das Artes de Vigo acolleu a exposición antolóxica do artista, recreada no vídeo que hoxe presentamos, onde Xosé Guillermo vai explicando os cadros nas súas circunstancias vitais e sociolóxicas. Falecería un ano despois, acabándose unha vida chea de luminosidade, e quedando sen realizar, de momento, unha segunda exposición que estaba prevista, dedicada en exclusiva a debuxos e obra gráfica.