Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional. Resultados de 2018

  /  BIBLIOGRAFÍA   /  Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional. Resultados de 2018

Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional. Resultados de 2018

Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das illas Atlánticas de Galicia. Resultados de 2018.

Munilla, I. 2018. Seguimento das poboacións de aves mariñas no Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: resultados de 2018. Parque Nacional Marítimo e Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Decembro 2018.


RESUMO

Corvo mariño (P. aristotelis)

  • A poboación reprodutora de corvo mariño no Parque Nacional en 2018 estimouse en 894 parellas repartidas en oito colonias principais. Dous terzos da poboación do Parque localízanse no arquipélago de Ons, o 25% no arquipélago de Cíes e o 7% restante en Sagres. A colonia máis numerosa é Ons Norte con 465 parellas, a metade das estimadas para o conxunto do Parque.
  • O número de parellas censadas representa unha lixeira baixa (-5,3%) con respecto dos datos de 2017.
  • A estima do éxito reprodutor no Parque Nacional en 2018 foi de (media ± desviación típica): 0,73 ± 0,87 polos por niño (N = 73 niños), con diferenzas pouco marcadas entre os tres arquipélagos: Cíes = 0,60 ± 0,94 polos por niño; Ons = 0,77 ± 0,86; Sagres = 0,78 ± 0,85.
  • A análise de 183 egagrópilas recollidas durante o periodo reprodutor nas illas Cíes (N= 57), Ons (N= 76) e Sagres de Fora (N= 50) indican que en 2018 os corvos mariños do Parque Nacional consumiron maioritariamente catro grupos de peixe, por esta orde: lábridos (Labridae), pións (Atherina presbyter), fanecas (Trisopterus) e lorchos (Gobiidae).
  • A presa principal dos corvos nos tres arquipélagos do parque son os lábridos. A frecuencia de bolos (Ammodytidae) na mostra de de Cíes foi moi baixa, o que suxire que as poboacións deste peixe perto das illas aínda non se deron recuperado.
  • Este ano equipáronse dous corvos mariños con equipos de seguimento remoto GPS/GSM, un na colonia de Ons e outro na de Sagres. Dous terzos das 4374 localizacións obtidas entre xuño e decembro producíronse fora das augas do Parque.
  • O corvo de Sagres moveuse por unha área de 14,6 km2 entre A Graña, Aguiño e o norte da illa de Sálvora, coa meirande parte das localizacións entre Sagres e Aguiño. O corvo de Ons desplazóuse por unha área de 88,7 km2 que vai da illa de Arousa á de Onza, coa meirande parte das observacións entre o norte da illa de Ons e A Lanzada.

Gaivota patiamarela (L. michahellis)

  • O seguimento interanual do número de territorios aparentemente ocupados nos sectores de censo repartidos polas colonias do Parque indica unha diminución da poboación reprodutora de gaivota patiamarela do 7% en relación ás cifras de 2017. A poboación reprodutora ten diminuído en tódolos sectores agás en Sálvora, illa na que a poboación incrementouse nun 30%.
  • O declive anual promedio para o conxunto de sectores ao longo do periodo de seguimento (2011-2018) é considerable (-8,7%). Tódolos sectores, agás o das dunas de Cíes, levan perdido entre o 44% e o 64% da poboación que se lles estimara no 2011.
  • Comparouse de novo o éxito reprodutor entre dúas parcelas representativas dos principais hábitats de cría en Cíes, o cantíl de toxo (Cortello do porco, 45 territorios) e as dunas (Muxieiro, 39 territorios). O éxito reprodutor conxunto foi baixo (media ± desviación típica = 0,69 ± 0,87 polos a voar por territorio), algo superior na duna (0,74 ± 0,93) que no cantíl (0,64 ± 0,82).
  • En 2018 a incidencia do sindrome de parálise foi elevada, se cadra o episodio máis agudo dende 2011. Os datos recollidos apuntan cara un brote agudo da enfermidade nas colonias de Sálvora no mes de xuño.
  • A análise da mostra de egagrópilas (N= 117) indica que as patiamarelas adultas basaron a súa dieta en invertebrados mariños (frecuencia de aparición= 59,8%). Os tipos de alimento máis representados foron os invertebrados do intermareal (33,3%) e o patexo (Polybius henslowii) (26,5%). O lixo urbano estivo presente no 22,2% da mostra, e o alimento de hábitats terrestres no 12,0%. Os peixes apenas estiveron representados (5,1%). As principais diferenzas espaciais entre arquipélagos veñen dadas polas variacións na frecuencia de aparición de patexo, mexillón e lixo.

Gaivota de asa escura (L. fuscus)

  • En 2018 a poboación reprodutora de Larus fuscus no Parque foi estimada en 24 parellas, dúas por cima das estimadas en 2017.
  • Entre 2011 e 2018 a perda de poboación ten sido do 45,5%, equivalente ao -8,3% anual.
  • En Sálvora atopouse o cadavre dun adulto reprodutor con sinais de ter morto despois de sufrir parálise. Esta é a primeira evidencia de que esta doenza afecta á poboación de Larus fuscus do Parque

Gaivotón (L. marinus)

  • A estima da poboación reprodutora de gaivotón no ano 2018 é de dúas parellas unha na illa Vionta e máis a outra en Sálvora.

Pardela cincenta (C. diomedea)

  • Na colonia de Tropezas, o principal núcleo reprodutor da especie no Parque Nacional, ocupáronse 25 sitios e a poboación reprodutora foi estimada en 18 parellas. Estes valores son semellantes aos rexistrados o ano anterior.
  • Na última visita á colonia, o 23 de outubre, detectáronse 6 sitios ocupados por polos a piques de voar.

Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Share This