Parque Nacional marítimo-terrestre das illas Atlánticas de Galicia(Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada).
O arquipélago das illas Cíes (Vigo) abarca 3091 hectáreas (433 terrestres e 2658 mariñas) protexidas. Está situado na entrada da ría de Vigo, conformado por tres illas principais, San Martiño ou Sur, Faro ou do Medio e Monteagudo ou do Norte. Ademáis existen illotes menores como Boeiro, Viños, Ruzo ou Carabelos.
As illas de Faro e Monteagudo son accesibles en embarcacións de pasaxe que parten de Vigo, Baiona ou Cangas de xeito regular en época estival e Semana Santa. Tamén ao longo de todo o ano sempre que o tempo o permita. A illa Sur ou de San Martiño, só é accesible en embarcación privada.
Destaca a accidentada orografía das illas, cunha altitude máxima de 197 metros no Alto de Cíes, e o marcado contraste entre o cara oeste, moi agreste, con cantís e furnas, e a cara leste, máis suave e amable. Aquí predominan os sistemas de dunas, e areais tan variados como Rodas, Figueiras, Nosa Señora, punta das Vellas, Areíña, Area Grande de Muxieiro, Cantareira e As Margaridas.
Existen excepcionais colonias de gaivota patiamarela e de corvo mariño cristado.
Na nosa navegación cara ás illas pódenos sorprender a presenza de mamíferos mariños como golfiños e arroaces. Tamén aves de paso migratorias como mascatos, pardelas ou tamén carolos e araos.
Nas illas Cíes hai un centro de Visitantes, punto de Información, cámping, aseos públicos, posto de primeiros auxilios, socorristas e hostalaría que dan servizo dependendo da época do ano. Tamén conta con áreas de descanso e paneis informativos e interpretativos.
Existen catro itinerarios sinalizados de ida e volta, Monte Faro, Faro da Porta, Alto do Príncipe e Monteagudo ou rutas guiadas acompañados por guías intérpretes do Parque.
Lugares destacables son a Lagoa dos Nenos, os faros do Peito, da Porta e Monte Faro, os observatorios de aves da illa do Faro e Monteagudo ou tamén os miradoiros do alto do Príncipe e do alto da Campá.
Galería de imaxes:
Imaxe destacada: Pedro Figueras
Ocaña fotografía
Paco Álvarez
Pedro Figueras
Santiago Boado Aguinaga
Sarabia fotógrafos
Wikimedia Commons