As mostras de cogomelos, fotografía e debuxo biolóxico inician as celebracións de San Alberte na UVigo

Portada » O Parque Nacional » As mostras de cogomelos, fotografía e debuxo biolóxico inician as celebracións de San Alberte na UVigo

Nov 11, 2016 | ACTUALIDADE

A entrega de premios será o vindeiro martes, coincidindo cunha conferencia de Xurxo Mariño

As mostras de cogomelos, fotografía e debuxo biolóxico inician as celebracións de San Alberte na UVigo

 

Leticia Castro | Vigo
As celebracións de San Alberte comezaron esta semana coa tradicional exposición de cogomelos no vestíbulo principal do Edificio de Ciencias Experimentais. Como adoita ser habitual nestas datas, a mostra é un ir e vir de alumnos e alumnas interesados en coñecer as distintas especies de cogomelos recollidos. Segundo apunta Marisa Castro, a micóloga encargada da exposición, son arredor de oitenta as especies recollidas, un número practicamente igual ás apañadas no 2015. “Nunha primeira vista parecía que ían ser menos que outros anos, pero chamounos a atención que finalmente fose case a mesma cantidade”, apunta a profesora, que confirma tamén que debido aos cambios na climatoloxía “as especies que atopamos son bastante distintas ás de outros anos”.
O mesmo interese que os cogomelos espertan as fotografías e debuxos presentados aos concursos convocados con motivo das celebracións do día do patrón, como ven sendo costume nos últimos anos. As instantáneas e debuxos poden visionarse ata esta fin de semana no salón de actos do edificio, nunha mostra organizada polo decanato da Facultade de Bioloxía e a Delegación de Alumnado Lynn Margulis.

san-alberte-1

Máis de medio cento de fotografías e unha ducia de debuxos biolóxicos

Segundo informan dende o decanato da facultade, “a participación deste ano foi algo inferior á de outros anos”, sobre todo no que concirne ao Concurso de Fotografía, que o ano pasado batía records históricos, con 86 obras presentadas. Nesta ocasión, as fotografías recibidas foron 52. O anfibio é unha das especies máis fotografadas, pois segundo se adiviña nas obras, é un animal que lle gusta posar para a cámara, pero tamén é significativo o número de instantáneas relativas á flora autóctona. En canto ao Concurso de Debuxo Biolóxico, achega á mostra un total de 13 creacións, das cales a metade están feitas a cor e a outra metade a lapis. O dato é semellante ao do ano anterior, aínda que tamén é menor. Dende a Delegación de Alumnado que convoca a actividade amósanse satisfeitos coa acollida nestes tres anos de vida do concurso.

san-alberte-5

No relativo á parte máis académica das celebracións, na tarde do mércores tiña lugar a conferencia “A bioxeografía da cor” a cargo de Jorge Paiva, profesor emérito da Universidade de Coímbra, cunha boa acollida de público. O biólogo portugués é “toda unha referencia no seu campo aos seus 83 anos”, tal e como indican na web do grupo de investigación do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo.

san-alberte-8

A programación remata o día 15 de novembro con outro relatorio: “Para que nos serve a mente?”, da man do neurocientífico e profesor da Universidade de Coruña Xurxo Mariño, que terá lugar no salón de actos do Edificio de Ciencias Experimentais ás 12.00 h. Ao finalizar o relatorio, os xurados dos concursos de fotografía e debuxo darán a coñecer a súa deliberación e posteriormente levaráse a cabo a entrega de premios.

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos