Medio Ambiente prevé convocar no vindeiro trimestre as primeiras axudas á rehabilitación na ARI insular do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia

Portada » O Parque Nacional » Medio Ambiente prevé convocar no vindeiro trimestre as primeiras axudas á rehabilitación na ARI insular do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia

Feb 7, 2019 | ACTUALIDADE

Inclúe a totalidade das illas que conforman o único parque nacional presente na Comunidade galega e abrangue os concellos de Vigo, Bueu, Vilagarcía e Ribeira

Disporanse axudas de ata 16.000 euros para que os promotrores solicitantes podan acometer melloras de eficiencia enerxética, de accesibilidade e de reforma de vivendas e instalacións

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou o día 6 de febreiro o concello de Bueu, onde presentou este novo proxecto que se converte na segunda ARI que xestionará o Instituto Galego de Vivenda e Solo de xeito directo, tal e como se fai na actualidade coa ARI dos Camiños de Santiago. A nova ARI abrangue os arquipélagos das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e, polo tanto, beneficia a catro municipios: Vigo, Bueu, Vilagarcía e Ribeira.

Salientou que as axudas que se convocarán no mes de abril beneficiarán ás vivendas que se localizan no único parque nacional coa que conta a Comunidade e tamén permitirá realizar actuacións de urbanización e reurbanización. Tal e como explicou a conselleira, no conxunto do parque hai 136 vivendas dentro desta ARI, e para a súa rehabilitación serían necesarios preto de 10 millóns de euros.

As axudas da área de rehabilitación destinaranse preferentemente á rehabilitación de vivendas e inmobles que deberán ter uso residencial na actualidade ou despois da súa rehabilitación. As actuacións que se poden levar a cabo son obras de restauración, conservación, rehabilitación das vivendas con actuación dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética das mesmas, a súa accesibilidade e a habitabilidade das mesmas, incluíndo reformas interiores, mellora das instalacións, etc.

Neste sentido, destacou que os promotores solicitantes poderán acometer melloras de eficiencia enerxética, de accesibilidade e de reforma de vivendas e instalacións e beneficiarse dunha axuda máxima de 16.000 euros por vivenda.

As actuacións de urbanización e reurbanización poderán ter por obxectivo a mellora da accesibilidade e das instalacións xerais e no que se refire aos espazos públicos prevese realizar actuacións de pavimentación, actuación nas redes de rego, no mobiliario urbano e de xardinería e prevese que poderán recibir ata 2.000 euros de axuda por cada vivenda rehabilitada

As axudas para rehabilitación e reurbanización da ARI serán financiadas con fondos propios da Xunta de Galicia e fondos procedentes do Plan Estatal de Vivenda, para o cal a Xunta e o Ministerio de Fomento deberán asinar un acordo no que se fixe o importe do financiamento no marco do plan de vivenda e as súas anualidades. Despois da sinatura deste acordo as axudas serán convocadas polo IGVS a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Por último, a conselleira mostrouse convencida de que estas axudas terán unha incidencia moi positiva na revalorización do Parque Nacional, ao igual que sucede no resto de Galicia, onde xa hai declaradas 69 ARI en 41 municipios, ademais da ARI do Camiño de Santiago, que beneficia a un total de 107 concellos, facendo que sexan 130 concellos galegos os que contan con algunha ARI.

Fonte: Xunta de Galicia

Imaxe: © Santiago Boado Aguinaga

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos