O proxecto galego “O Santa Isabel” participa no espazo SANFIC Industria do Festival de Santiago de Chile

Portada » O Parque Nacional » O proxecto galego “O Santa Isabel” participa no espazo SANFIC Industria do Festival de Santiago de Chile

Set 4, 2017 | ACTUALIDADE

O proxecto galego “O Santa Isabel” participa no espazo SANFIC Industria do Festival de Santiago de Chile

O proxecto de longametraxe “O Santa Isabel” da produtora galega socia do Clúster Audiovisual, Agallas Films, escrita e dirixida por Paula Cons e que xa conta co apoio da Agadic, participou a semana pasada no SANFIC Industria, un espazo de formación e promoción dirixido a profesionais e novas xeracións do medio audiovisual latinoamericano que se celebrou no marco do Santiago Festival Internacional de Cine, en Chile.

“O Santa Isabel” foi un dos tres proxectos españois que foron seleccionados entre os 32 elixidos de toda Latinoamérica, na edición que contou con máis proxectos presentados a este espazo. A través das súas distintas actividades pretende promover e apoiar a creación dunha industria de cine latinoamericana cada vez máis potente. Durante cinco días, unha trintena de profesionais da industria audiovisual, directores, guionistas e produtores procedentes de América Latina, España e Portugal participaron nunha serie de relatorios e asesorías individuais con profesionais de talla internacional.

Este foi o primeiro ano que o SANFIC Industria colaborou co obradoiro de asesoría á coprodución da SGAECruzando Fronteiras”, un proxecto que quere potenciar aos autores e á industria fomentando a coprodución entre países latinoamericanos e Europa. Precisamente o proxecto de longametraxe de “O Santa Isabel” é unha coprodución entre España e Arxentina.

“O Santa Isabel” é un thriller que narra todo o que acontece na pequena illa de Sálvora despois do afundimento dun barco nas súas costas. Inspirándose libremente nuns feitos que ocorreron en 1921, a película narra en ton de suspense e intriga a fazaña de tres mulleres que se lanzaron ao mar a salvar aos náufragos e todas as inesperadas consecuencias que para elas tivo ese feito.

el-santa-isabel_cartel

Clag-Cluster Audiovisual Galego

Imaxe: Fotografía Sarabia

 

Cíes.gal
Author: Cíes.gal

Redacción Cíes.gal.

Otros artículos